A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica Galicia, Mar Pereira, e o director xeral de Administración Local, Norberto Uzal, durante unha visita ao Concello de Arteixo acompañados polo decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Jorge Duarte, e o alcalde do municipio coruñés, José Carlos Calvelo, deron conta do inicio no Concello de Arteixo da implantación da primeira fase para a tramitación telemática das licenzas urbanísticas coa posta en funcionamento dunha pasarela telemática que permite aos técnicos de urbanismo dos municipios acceder en liña á información dos proxectos de obra visados polo Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) para completar o trámite de autorización.
A posta en marcha desta iniciativa, financiada con Fondos FEDER, enmárcase dentro da estratexia tecnolóxica da Xunta para impulsar o desenvolvemento da administración electrónica na Comunidade Autónoma galega.
Esta plataforma, accesible a través do portal web PasaXe, estará dispoñible para todos os concellos adscritos ao convenio eAdministración da Xunta e a FEGAMP para impulsar a Administración electrónica nas entidades locais. A día de hoxe están adheridos a este acordo o 98% das entidades locais.
O seguintes municipios no que se implantará o sistema serán Abegondo, no que xa se completou a formación e Santiago, onde ser presentou a iniciativa. Ademais, en colaboración coa FEGAMP, xa se identificaron outros 9 concellos nos que se iniciará o proceso de xeito progresivo: O Barco, Ourense, Silleda, Betanzos, Carballo, Monforte de Lemos, Sarria, Cangas e Moaña.
Entre outros obxectivos, a iniciativa permitirá un aforro de custos e tempos, ademais de mellorar o servizo á cidadanía.
O sistema de tramitación telemática de licenzas urbanísticas da Xunta e o COAG dá os seus primeiros pasos en Arteixo
Compartir Este Artigo
