
Para o avance da eAdministración realizarase un investimento de 6,7 millóns de euros financiados con fondos FEDER durante o período 2012-2013 para poder continuar así cos avances neste eido, o que reverterá na cidadanía con servizos dixitais de máis calidade, dispoñibilidade e seguridade.
Para implantar este catálogo de servizos dixitais crearase unha plataforma tecnolóxica que facilite o intercambio de información entre as administracións públicas galegas e destas coa Administración xeral do Estado. Este nodo de interoperabilidade permitirá que o cidadán non teña que presentar aquela documentación que xa consta en poder das administracións.
A infraestrutura chave que permitirá a interoperabilidade e a prestación de servizos conxuntos ás entidades locais é o CPDI da Xunta, que entrou en funcionamento o pasado mes de setembro, e estará a disposición das entidades locais para aloxar os seus servizos dixitais e servir como centro de respaldo.

No eido empresarial o obxectivo é establecer un portal común de licitación electrónica que dea cobertura á tramitación telemática dos procesos de contratación pública que realizan as entidades locais. Nesta liña porase á disposición de concellos e deputacións unha plataforma de factura electrónica para o rexistro e seguimento das facturas presentadas polos provedores.
Outra das liñas de actuación previstas é a posta á disposición das entidades locais dun servizo de tradución automatizada para acadar un mellor uso da lingua nos ámbitos administrativos e xurídicos e continuar a facilitar o acceso a outros recursos como o repositorio xurídico.
En canto aos servizos comúns de Administración electrónica, implantarase unha plataforma de notificacións electrónicas común que permitirá aos cidadáns dispor dunha caixa única para a recepción das notificacións de calquera Administración pública galega. O catálogo de servizos tamén prevé o desenvolvemento do arquivo dixital integrado para a documentación administrativa e a prestación de servizos de aloxamento e custodia de patrimonio documental.
Ademais, continuarase prestando o servizo de acreditación dixital a todas as entidades locais, grazas ao convenio entre a Xunta e a Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, que permite que teñan cubertas de xeito gratuíto a obtención de certificados dixitais para asinar documentos electronicamente.
O CPDI da Xunta axudará ao avance da eAdministración nos Concellos galegos
Compartir Este Artigo
