Dende as últimas horas os usuarios que teñan un dispositivo con Android 4.0.3 ou superior poden instalar dende Google Play a nova aplicación de Google Calendar, de xeito que o servizo de calendario de Google toma identidade a través dunha ferramenta de seu que facilita a administración completa dos nosos calendarios (amosando tamén os calendarios que non correspondan a contas de Google) e a súa sincronización.
Aparte de crear, editar e borrar eventos e responder a invitacións, a nova aplicación de Google Calendar tamén permite silenciar eventos dende unha notificación, ter mensaxes predeterminadas como resposta rápida a un evento (por exemplo, para avisar que se chega un chisco tarde), acepta xestos táctiles para entrar ou saír no detalle dun día do calendario e permite definir a zona horaria (de grande utilidade durante as viaxes).
Tamén engadiron a posibilidade de revisar os eventos de hai un ano, o que tamén pode axudar na planificación do noso día a día aínda que non tiveramos programado a repetición anual dun evento.
Google Calendar estrea aplicación para Android 4.0.3 ou superior
Compartir Este Artigo

