O proxecto GreenIT vai collendo corpo. Trátase dunha iniciativa Erasmus que a Unión Europea concedeu á Universidade de Vigo, coordinadora, para a posta en marcha de accións formativas de diversos equipos profesionais de Europa e o Norte de África no ámbito das tecnoloxías verdes. Co comezo deste novo curso, a iniciativa comezou a funcionar cunha primeira xuntanza en Vigo na que se reuniron o diferentes colectivos implicados (dez parceiros europeos e dez norteafricanos), e máis os centros asociados. Esta é a primeira toma de contacto dun proxecto que especializará en I+D sostible a 185 persoas.
Segundo informa a Universidade de Vigo, a vicexerente de Internacionalización, Regina Carrera, foi a encargada de dar a benvida aos representantes das universidades de España, Francia, Portugal, Italia, Alemaña, Bulgaria e Polonia e de Tunisia, Marrocos, Exipto e Alxeria. Os equipos traballarán de xeito conxunto, como dixemos baixo a coordinación da institución educativa viguesa, co fin de fomentar o intercambio de experiencias, coñecemento, estudantes e docentes.
A finalidade deste proxecto é favorecer o desenvolvemento económico e social de terceiros países a través da cooperación na educación superior e o I+D+i, impulsando a excelencia nas institucións académicas do norte de África e contribuíndo á mellor gobernabilidade destes países así como á súa cohesión social.
A UE outorgou a coordinación deste proxecto á Universidade de Vigo “pola súa ampla experiencia neste tipo de proxectos internacionais e comparte estas funcións coa universidade tunesina de Sfax”. O proxecto, engade a UVigo, contará “cun orzamento de 4 millóns de euros e centrarase nos eidos científico e tecnolóxico, na procura dun desenvolvemento social sostible, permitindo a mobilidade de 185 persoas durante catro anos”.
O eido de traballo de GreenIT concéntrase nas tecnoloxías verdes e máis no desenvolvemento social e económico con ferramentas sustentables. Buscarase favorecer o traballo en informática verde, no uso de enerxías eficientes en informática ou no etiquetado ecolóxico dos produtos tecnolóxicos.
No senso máis práctico, sinalar que unha das claves do proxecto é o cloud computing, o emprego da nube para virtualizar os servidores informáticos “como un recurso que pode cambiar o paradigma das infraestruturas das tecnoloxías, xa que permite reducir gastos e que pequenas empresas compitan a nivel mundial en termos de infraestruturas”, engade a UVigo.
As tecnoloxías sustentables e a computación na nube son os piares de GreenIT, proxecto coordinado pola Universidade de Vigo
Compartir Este Artigo
