A cita anual do Clúster Audiovisual Galego (GLAG) para amosar as obras e proxectos dos seus membros e procurar alianzas e colaboracións con produtores, distribuidores ou exhibidores xa conta co apoio de máis de dunha ducia de profesionais, que confirmaron a súa asistencia no dito acto. Trátase de responsables de canles de televisións nacionais e autonómicas, axentes de distribuidoras e produtores executivos en busca de novas ideas. A sétima edición do encontro I+P Ideas para producir, como dixemos hai uns días, celebrase o 23 de novembro no edificio Ágora da Coruña.
As empresas e os profesionais individuais do sector audiovisual que desexen participar nesta xornada de presentación de proxectos teñen de prazo para inscribir os seus traballos ata o día 31 de outubro.
Este encontro está destinado a reunir a empresas ou participantes individuais que buscan alianzas empresariais de cara á coprodución. Por outra banda, para as producións nun estado máis avanzado, o I+P pretende facilitar o encontro con distribuidoras, programadores de antena e responsables de vendas internacionais para a comercialización. O CLAG organiza esta xornada de exposición de proxectos e entrevistas bilaterais en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Concello da Coruña.
Ata a data, entre os directivos de canles de televisión que xa confirmaron a súa participación neste foro están Baldomero Toscano, director de Produción de Programas de Mediaset; Pepa Sánchez Biezma, directora Produción da Área de Miniseries de Mediaset; Esther Sánchez, directora de Novos Proxectos de Mediaset; María Contreras, do departamento de Novos Proxectos de A3Films; ou Fernando Gómez, director adxunto de Contidos de Telemadrid. Ademais, participarán os produtores Ramón Campos e Teresa Fernández Valdés, de Bambú, e Rogelio Delgado, de Teysomedia Ficción.
Tamén asisten responsables de distribuidoras e comercializadoras de cinema e televisión como DeAPlaneta, Motion Pictures, Expressive ou Neptuno Films, e de empresas de servizos á industria audiovisual como Finding4you.
Máis dunha ducia de produtores e distribuidores participarán na exposición de proxectos do CLAG
Compartir Este Artigo
