Botar luz sobre as novas tecnoloxías no eido das empresas e, sobre todo, sobre os aspectos vencellados á lexislación. Ese é o alicerce e o obxectivo do ciclo de xornadas formativas que comeza esta semana no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), estando aínda a día de hoxe o prazo aberto para inscribirse.
As sesións, que serán de balde para tódalas empresas do complexo empresarial ourensán, desenvolveranse en tres sesións dunha hora e media de duración cada unha, e servirán –como dixemos– para tratar cuestións legais legais críticas que “as empresas no sector tecnolóxico deben coñecer sobre o comercio electrónico, o emprego ilegal de software libre e a protección de datos”, segundo indica a Tecnópole nun comunicado.
As xornadas formativas serán impartidas por profesionais do bufete vigués Sousa Pousa e Rodríguez Avogados. A primeira das sesións celébrase este mércores 4 de outubro e titúlase A contratación electrónica. O 18 de outubro dará comezo a seguinte, co curso O uso ilegal do software. O mércores 25 de outubro dará comezo A empresa fronte á protección de datos de carácter persoal. Tódalas sesións terán horario de 18.00 a 19.30 horas.
Tecnópole abre este mércores 4 un ciclo de xornadas sobre legalidade nas novas tecnoloxías
Compartir Este Artigo

