A fotografía dixital abriunos a un mundo que rexistrar e documentar. Logo, as súas múltiples conexións e posibilidades cos servizos 2.0 descubriunos que a fotografía non só está xa ao noso alcance como fin en si mesmo (menores custes con relación á tecnoloxía analóxica, máis dispoñibilidade e inmediatez) senón tamén como medio. Ou sexa, como ferramenta de traballo e elemento fundamental dunha iniciativa empresarial na Rede. Sobre este alicerce, precisamente, artellouse a iniciativa Miradas de Muller, un proxecto estatal que xa conta con 266 mulleres inscritas e que comezará a súa andaina en breve (o 31 de xaneiro en 35 concellos galegos a través da Rede de Aulas CeMIT) e que na nosa terra vén da man da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA) en colaboración coa Consellería de Traballo, a Secretaría Xeral da Igualdade e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). A nivel estatal, detrás do proxecto atópanse Fundetec, a Federación Deglobé e o Ministerio de Industria.
A iniciativa Miradas de Muller, edición galega, foi presentada este luns en Santiago polos seus principais responsables, que fixeron fincapé nas posibilidades de inserción laboral e autoemprego feminino que pon en xogo, a través da formación en fotografía dixital e nas tecnoloxías que a acompañan e complementan. Diríxese sobre todo a mulleres desempregadas de zonas rurais e procedentes de barrios obreiros ou periféricos das cidades de toda a xeografía española.
A primeira fase do proxecto comeza como dixemos este xoves. Abordaranse cuestión como a motivación ao emprendemento e materialización de ideas e proxectos empresariais por medio de relatorios impartidos por profesionais de IGAPE. Nestas charlas contarase tamén coa presenza de mulleres senlleiras no eido da fotografía que falarán da súa traxectoria e experiencia e tentarán resolver as posibles dúbidas sobre a devandita carreira profesional. Esta formación impartirase de xeito presencial nas aulas CeMIT dos concellos adheridos á iniciativa a través do sistema de videoconferencia en grupos de cinco ou seis concellos ata o mediados de febreiro.
O percorrido formativo, sinala AMTEGA, completarase con cursos de capacitación no tratamento de imaxes e fotografía dixital “que se ofrecerán como complemento opcional e que proporcionarán os axentes TIC das aulas CeMIT, que son os profesionais que se ocupan destes centros”. Deste xeito, engade a Axencia, “as usuarias que o soliciten poderán acceder a estes cursos e a outros de formación complementaria sobre servizos dixitais como os tramites electrónicos, a factura dixital, o uso de DNI electrónico ou a banca online”.
Unha vez completado o itinerario formativo as usuarias terán acceso a unha plataforma web (www.miradasdemujer.com) cun obradoiro creativo sobre técnicas de fotografía e un titor experto que lles axudará a resolver dúbidas. “A plataforma”, infórmase, “dispón dun banco de imaxes no que poderán publicar as súas obras para amosar o seu traballo e intercambiar experiencias con outras participantes, contándose tamén cun catálogo dixital de servizos de autoemprego no que as usuarias terán a posibilidade de publicar os servizos fotográficos que ofrecen e os clientes potenciais poderán expoñer as súas necesidades”.
A iniciativa Miradas de Muller desenvólvese na Comunidade galega en virtude dunha suma de esforzos, á que aludimos ao comezo deste texto. Deste xeito, cóntase con apoios estatais (Fundetec, Ministerio de Industria) e outros autonómicos (Rede CeMIT da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, os profesionais en formación de emprendedores do IGAPE e a capacidade de difusión da Consellaría de Traballo e Benestar e da Secretaría Xeral da Igualdade a través da rede de técnicos de emprego e dos Centros de Información á Muller).
Miradas de Muller lánzase a fomentar o emprego feminino a través do potencial da fotografía dixital
Compartir Este Artigo
