A compañía galega Televés lanzou esta semana un novo produto destinado a facernos a vida máis cómoda en relación ao partido que lle tiramos á TV dixital. Máis polo miúdo, trátase dun novo transmodulador para sinal dixital de satélite, o modelo DVBS/S2-COFDM, que entre outras cousas inclúe o control S_ID. Isto significa, para entendérmonos e para vermos claro as vantaxes deste novo aparello, que poderemos cambiar as canles presentes nunha instalación sen necesidade de resintonizar os televisores. “Isto”, sinala a firma compostelá, “facilita o labor de mantemento dos instaladores, sobre todo en emprazamentos singulares como hoteis, hospitais ou residencias”.
Deste xeito, a funcionalidade S-ID fai posible que todos os televisores e receptores de TDT dunha mesma instalación detecten de xeito automático cambios de contidos sen que sexa preciso reiniciar unha busca xeral das canles. De feito, é o propio dispositivo o que toma as rendas da situación, advertíndonos dunha configuración do mesmo Service-ID en máis dun servizo, co fin de proceder a cambialo. Tamén permite a supresión integral ou selectiva das funcionalidades habitadas no múltiplex, para que non sexan localizados e memorizados polos televisores ou receptores TDT. “O novo DVBS/S2-COFDM”, engade Televés facendo especial fincapé no seu selo de galeguidade, “fabrícase nas propias instalacións da empresa en Compostela e leva por iso o selo European Technology Made in Europe, como garantía de fiabilidade e vangarda tecnolóxica, unha característica que distingue aos produtos da compañía”.
Televés presenta un transmodulador por satélite que identifica as canles de TV de xeito automático
Compartir Este Artigo
