A Fundación para o Desenvolvemento Infotecnolóxico de Empresas e Sociedade, Fundetec, creu en 2005 uns premios para recoñecer o traballo de proxectos desenvolvidos por Administracións Públicas, organizacións privadas e entidades sen arela de lucro para fomentar o acceso á Sociedade da Información e ao uso das TIC entre os cidadáns que este ano chegan á súa 8ª edición, da que xa se coñecen os 12 proxectos finalistas de entre 216 candidaturas, entre os que destaca a presenza galega nas 4 categorías.
Como Mellor Proxecto de Entidade Non Lucrativa dirixido a PEME, Microempresas e Autónomos figura a Organización dos Artesáns de España coa súa aplicación para iOS e Android de Obradoiros Abertos na súa versión en español, nacida na Asociación Galega de Artesáns, e da que puidemos coñecer numerosos detalles durante a primeira edición do MobileCONGalicia.
Como Mellor Proxecto de Entidade Non Lucrativa dirixido aos Cidadáns está entre os seleccionados o proxecto piloto Destino Empleo, organizado por AGESTIC, e que persegue a formación de mulleres co fin de favorecer a súa incorporación ao mercado laboral ou a posta en marcha da súa propia empresa a través de itinerarios formativos, ofrecendo tamén titorización e asesoramento personalizado específicos.
Como Mellor Proxecto de Entidade Pública ou Privada dirixida aos Cidadáns tamén podemos destacar o Proxecto ABALAR, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, que persegue o cambio do modelo educativo a través das TIC, mellorando as competencias da comunidade educativa a partir dunha estratexia integral que contempla a modernización do ensino, a formación do profesorado, a dotación de equipamento nos centros educativos e o desenvolvemento e a utilización de contidos e recursos dixitais.
Finalmente, como Mellor Proxecto de Entidade Pública ou Privada dirixido a PEME, Microempresas e Autónomos, figura entre os finalistas o proxecto de viticultura intelixente LIFE + Viñas Atlánticas, que pretende limitar a problemática causada nos viñedos da D. O. Rías Baixas polo fungo mildiu, para o que se implantou un sistema de xestión integral de viñedos, unha rede de sensores sen fíos e unha plataforma que recolle e procesa os datos para transformalos en coñecemento. Esta iniciativa da Deputación de Pontevedra recibiu no outono o Premio INEO ao Produto ou Servizo TIC máis innovador do 2012 e a semana pasada tamén recibiu o Premio EGANET ao mellor Proxecto Colaborativo Empresarial TIC.
O 21 de febreiro daranse a coñecer en Madrid os gañadores destes premios durante a cerimonia de entrega na que recibirán un trofeo conmemorativo ao que, no caso das entidades sen ánimo de lucro, engadirase un premio en metálico de 15.000 euros.
Grande presenza galega entre os finalistas dos Premios Fundetec
Compartir Este Artigo
