Por moitas tecnoloxías que nos achegue a Internet cada día, un dos seus piares mantense firme e resístese a mudar, o correo electrónico, que pese a non ter tanta relevancia como nos comezos da Rede, segue a ser unha ferramenta imprescindible, que Orchestra, Inc. quere revolucionar a través da súa nova aplicación móbil, Mailbox, dispoñible para iPhone de balde e que actualmente só funciona para contas de correo de Gmail, ás que podemos acceder dun xeito diferente, cunha interface lixeira orientada a dispositivos móbiles que mediante xestos táctiles permite arquivar ou borrar as mensaxes recibidas, aínda que o máis curioso é que tamén amosa as conversas por e-mail dun xeito semellante a un chat e premendo sobre unha mensaxe podemos tamén facer que volva a presentar na nosa bandexa de entrada máis adiante, o que é un xeito de deixar unha comunicación para máis adiante, mentres se atenden correos máis urxentes. Temos así unha especie de mestura de organizador persoal e lector de e-mail, que facilitará a vida a quen faga un uso profesional do correo electrónico.
Mailbox accede ás nosas contas de e-mail a través dos seus propios servidores (polo que nun principio hai que pórse á cola para poder empregar a súa aplicación, xa que a demanda do servizo é moi elevada e teñen que escalar os seus sistemas para acoller a novos usuarios) o que facilita que a actividade que teñamos nesta ferramenta estea na nube, facilitando a posibilidade de que as novas mensaxes recibidas cheguen a través de push.
Vídeo de presentación de Mailbox
Unha aplicación revoluciona o xeito de empregar o correo electrónico dende o móbil
Compartir Este Artigo

