Tras anunciarse que The Pirate Bay deixaría Suecia para buscar refuxio en Noruega e España, o popular buscador de contidos compartidos a través da rede BitTorrent sorpréndenos anunciando que recibiron un convite dende Corea do Norte para emprender a súa loita pola liberdade da información na Rede dende Corea do Norte, o que non deixa de resultar paradoxal, posto que as compañías que perseguen a The Pirate Bay proveñen principalmente dos EE.UU. (país asociado coa liberdade de expresión) mentres que o estado que lles tende a man é coñecido por controlar a información que chega aos seus cidadáns (e moitas outras limitacións á súa liberdade).
Polo momento The Pirate Bay emprega a infraestrutura de rede norcoreana para labores de enrutado, ou sexa, para agochar o sistema que oculta as localizacións reais dos servidores de The Pirate Bay, que están distribuídos por distintos lugares do mundo, medida que adoptaron para dificultar o seu bloqueo e desarticulación.
Dende The Pirate Bay consideran que esta oferta de asilo virtual é un primeiro paso dende o goberno coreano para mudar a súa perspectiva sobre o acceso á Información, e dende The Pirate Bay queren aproveitar a ocasión para contribuír todo o que poidan en tal dirección.
Pese a estas informacións non podemos desbotar que esteamos ante unha broma dos responsables de The Pirate Bay, segundo apuntan distintos medios en liña.
ACTUALIZACIÓN (6-3-2013): Dende The Pirate Bay recoñecen que a súa mudanza a Corea do Norte foi unha broma apoiada por un truco técnico que a dotaba de verosimilitude.
The Pirate Bay recibe asilo virtual de Corea do Norte (ACTUALIZADA)
Compartir Este Artigo
