Nas últimas semanas WhatsApp está a verse envolvido unha grande polémica por comezar a cobrar polas subscricións ao seu servizo en dispositivos con Android despois do primeiro ano de uso da aplicación, cando en ocasións anteriores a renovación era automática e de balde, pese a que sempre se indicara que custaría 0,99 dólares/ano. Ao parecer, moitos son os usuarios que ao ver que tiñan que pagar por empregar a aplicación, decidiron non renovar o servizo, quedando desactivado un par de días, para atopar logo que a súa licenza de uso aparecía renovada automaticamente, o que algúns están a entender como unha volta atrás por parte de WhatsApp, pero non parece ser realmente así.
Segundo comentan distintos usuarios, a renovación automática do servizo é por só un mes (sen aplicarse de xeito masivo a todos os usuarios e con usuarios que reportan que pasado ese mes de cortesía cortáronlle o servizo), e dende WhatsApp non publicaron ningún comunicado que indique que a súa aplicación pase a ser de balde. O que si fixeron foi publicar a versión 2.9.3451 da súa aplicación para Android (a versión actualmente dispoñible en Google Play é a 2.9.1547) na que aseguran na súa descrición que aos usuarios que paguen polo servizo non se lles volverá a pedir pagar de novo, o que podemos entender que é a equiparación do modelo de negocio entre Android e iOS, pois en iPhone o pagamento pola aplicación é de 0,89 euros para sempre, en vez de 0,99 dólares/ano. De ser así poderían evitarse os reparos de moitos usuarios por pagar, xa que sería unha cota vitalicia, polo que veríase como pagar pola aplicación de xeito diferido, en vez de pagar polo servizo.
Aparte de buscar alternativas a WhatsApp, moitos usuarios están a dar conta de trucos para non ter que pagar, que consisten en tácticas tan sinxelas como activar a conta dende outro teléfono (de xeito que aplicaríanse os 12 meses de cortesía iniciais), á vez que os usuarios que advirten de que os usuarios que mercasen WhatsApp en iPhone teñen o servizo de balde aínda que cambien de terminal.
Ao rebumbio ao redor de WhatsApp está a contribuír considerablemente a estrea a pasada fin de semana do anuncio televisivo dun dos seus competidores, LINE:
WhatsApp para Android continúa no ollo do furacán
Compartir Este Artigo
