A Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) organizan estes días unha serie de sesións para dar a coñecer a convocatoria do FEDER-Innterconecta II. Así, este martes 12 de marzo tiña lugar en Vigo o primeiro obradoiro, que era inaugurado perante máis de 80 persoas por Teresa Pedrosa (delegada especial do Estado para a Zona Franca de Vigo) e por Higinio Antuña (xerente da Fundación para o Fomento da Calidade) sendo clausurado o evento por Manuel Varela (director da Axencia Galega de Innovación e responsable en Galicia do Innterconecta). O obxectivo deste obradoiro práctico -con entrevistas personalizadas entre as empresas interesadas- foi o de explicar e resolver as dúbidas das empresas para que os proxectos que acaden as ditas axudas o fagan con éxito.
Asemade, tanto Pilar Sanz (do departamento de Saúde, Bioeconomía, Clima e Recursos Naturais) como Raúl García (do departamento de Enerxía, Transporte, Fabricación e Recursos naturais do CDTI) foron os encargados de explicar as características desta segunda convocatoria do Programa Innterconecta, á que seguiu unha rolda de reunións cos consorcios de proxectos en preparación para aclarar dúbidas. Expúxose que cada proxecto debe contar cun orzamento mínimo de 1,5 millóns de euros, que a súa duración non debe superar os dous anos naturais, que como mínimo debe contar coa participación de tres empresas independentes e de, polo menos, un centro de investigación e que o prazo de presentación de proxectos a esta segunda convocatoria finaliza o vindeiro 4 de abril.
Cómpre dicir que esta 2ª edición do Innterconecta conta con 15 millóns de euros para cofinanciar a dotación de fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) e que posibilita que a de Galicia sexa a de maior contía das convocatorias, con 75 millóns de euros dispoñibles en subvencións a fondo perdido.
Engadir que hoxe, día 13 de marzo, levouse a cabo o segundo encontro dentro do Innterconecta II, celebrado no Parque Tecnolóxico de Ourense. Na provincia de Lugo realizarase mañá día 14 e pecharase esta rolda de sesións en Vigo o luns 18, a partir das 11.30 horas, na sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP).
Máis información e inscricións: difusion.gain@xunta.es.
Comezan os obradoiros informativos do Programa Innterconecta II
Compartir Este Artigo

