No mes de febreiro Microsoft comezou a vender en España o seu tablet Surface RT, produto cunha demanda discutible que deixaba ao público á espera do Surface Pro, equipo que si funciona como un ordenador completo con Windows 8, mesturando nun único dispositivo as bondades dun tablet e dun ordenador ultraportátil, pero a situación vai mudar en breve, pois veñen de anunciar que a finais de maio o Surface Pro vai estar dispoñible en Australia, Austria, Bélxica, Dinamarca, Finlandia, Francia, Alemaña, Hong Kong, Irlanda, Italia, Luxemburgo, Nova Zelandia, Países Baixos, Noruega, Portugal, Suecia, Suíza, Reino Unido e España, o que supón unha importante mellora na dispoñibilidade deste equipo que ata o momento só podía mercarse en EE.UU., Canadá e China.
Dende Microsoft aseguran que agora terán que afrontar o reto de poder manter o stock do modelo de 128 Gb do Surface Pro, que está a ser moi demandado nos mercados nos que pode adquirirse actualmente.
O Surface Pro é un dispositivo de 27,46 x 17,30 x 1,35 centímetros e 907,18 gramos de peso, que funciona cun procesador Intel Core i5 de terceira xeración con gráfica Intel HD Graphics 4000, 4 Gb de RAM, 64/128 Gb de almacenamento interno, pantalla de 10,6 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.080 píxeles, 2 cámaras de alta definición, altofalantes estéreo, USB 3.0, lector de tarxetas microSDXC, porto mini DisplayPort, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0 e batería de 42 W-h, que nos EE.UU. véndese a un prezo que parte dos 899 dólares.
O Surface Pro estará á venda en España a partir do mes que vén
Compartir Este Artigo
