Esta tarde Microsoft celebrou o seu evento #XboxReveal, co que buscaban dar a coñecer a nova xeración da súa consola de videoxogos, que finalmente non responderá a nomes rumoreados como Xbox 720 ou Xbox Infinity, senón que coñecerase simplemente como Xbox One, propóndose non só como un dispositivo para xogar, senón tamén como un centro de lecer electrónico, avanzando na mesma dirección na que tan bos resultados deu a Xbox 360.
A Xbox One permite moverse e ver a televisión en vivo dende un receptor de televisión por cable ou satélite, achega un menú de inicio no que amosa os contidos (xogos, televisión e entretemento) preferidos polo usuario, pode facer dúas cousas a un tempo (permite participar nun xogo en liña á vez que vemos unha película ou falar cun amigo por Skype mentres vemos a televisión), facilita o uso de Skype permitindo incluso comunicacións en grupo no televisor, destaca os contidos televisivos que son populares entre os nosos amigos e na comunidade de usuarios de Xbox e conta cunha competa guía de programación. Aínda que polo momento descoñecemos como será en Europa esta achega da televisión ao salón a través da consola.
A nova Xbox One ten un deseño bastante básico, adoptando un formato 16:9 e empregando unha orientación horizontal optimizada para a o seu reprodutor de discos Blu-ray; funciona cun procesador de 8 núcleos, 8 Gb de RAM, disco duro de 500 Gb e integra Wi-Fi N; presenta inicialmente un acabado en negro e aparte das consola inclúe un sensor Kinect a 1.080p que promete unha maior precisión e resposta para recoñecer os nosos movementos e a nosa voz e conta tamén cun mando sen fíos na liña do da Xbox 360, considerado como o mellor da presente xeración pola súa ergonomía.
O servizo Xbox Live tamén renóvase coa nova xeración de consolas, e incluirá novidades como Smart Match (que evita as longas esperas mentres buscamos a outros xogadores para botar unha partida en liña, de xeito que podemos facer outra cousa na consola mentres o sistema localiza as xogadores máis axustados), Game DVR (permite gravar partidas na nube para poder compartilas), xogos vivos (o sistema evoluciona segundo imos xogando e os amigos poderán enfrontarse á nosa sombra), logros ampliados (o sistema captura en vídeos os momentos máis épicos) e Xbox SmartGlass (o tablet ou o smartphone poden seguir a empregarse como segunda pantalla).


A nova consola chegará ao mercado finais de ano, polo que durante os vindeiros meses iremos coñecendo moitos máis detalles da nova plataforma de Microsoft, comezando pola feira E3 que terá lugar o mes que vén.
Quantum Break será un ambicioso proxecto de Remedy para Xbox One
Forza Motorsport 5 levará os xogos de conducción á nova xeración
Call of Duty: Ghosts será un novo comezo para a franquía de Call of Duty

