A aplicación de disparo intelixente dos Nokia Lumia permite elixir a mellor toma das caras en fotografías de grupoDurante a presentación do Nokia Lumia 925 déronse a coñecer melloras que terá a aplicación de cámara dos móbiles estrela de Nokia, e finalmente xa temos na tenda de aplicacións para os Nokia Lumia con Windows Phone 8 e 1 Gb de RAM a aplicación Nokia Smart Cam, que supón unha importante mellora con respecto da súa versión anterior, que como principais efectos contaba coa posibilidade de borrar obxectos en movemento (suprimindo obxectos non desexados dunha fotografía que tomemos) e a posibilidade de elixir a mellor toma dos rostros das distintas persoas que aparecen nunha fotografía de grupo, e que agora permite tamén o filtro de enfoque de movemento (que engade un efecto de desenfoque para destacar o movemento) e a máis destacable fotografía en acción, que consiste nun disparo continuo no que retratamos unha acción cunha especie de efecto de papel cebola. A nova aplicación inclúe como novidade as fotografías en acciónPero o máis curioso desta nova aplicación é que, aínda que os móbiles Nokia Lumia poden descargar e instalar a nova aplicación de disparo intelixente, ao executala lanza unha alerta que informa da necesidade dunha actualización de Windows Phone 8 para poder funcionar, instando ao usuario a comprobar se ten o seu terminal ao día, o que reafirmaría os rumores que apuntan a que o sistema operativo móbil de Microsoft recibirá unha actualización durante a primeira quincena de xullo, comezando o vindeiro día 8. É de agardar que coñezamos máis detalles desta actualización a semana que vén durante o encontro BUILD 2013.