A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, presentaron en Santiago esta mañá a primeira aplicación móbil de Galicia que permitirá á cidadanía facer diferentes xestións co Servizo Público de Emprego, para a que a Xunta destinou 40.000 euros. Con esta iniciativa Galicia sería a segunda comunidade autónoma en poder gozar dunha ferramenta deste tipo, que está enmarcada na actual política da Administración autonómica de que as súas aplicacións móbiles aparezan publicadas nas tendas de aplicacións máis populares coa Xunta de Galicia como editor (para comodidade e seguridade dos usuarios).
Mato destacou que esta aplicación, que responde ao nome de Mobem, ofrecerá aos cidadáns diferentes vantaxes como é a posibilidade de que poidan renovar a súa demanda de emprego desde móbil. Ademais, e, entre outras actuacións, os galegos poderán consultar en tempo real se son convocados a unha cita para a orientación laboral; se foron seleccionados para participar nun curso de formación; ou se, por exemplo, se atopan entre os candidatos dunha oferta laboral. “Mobem posibilitará de forma sinxela, práctica e non presencial realizar aquelas xestións que non requiran a atención personalizada dun profesional do SPEG”, apuntou a conselleira, quen asegurou que supón “un paso máis” para mellorar o Servizo Público de Emprego.
A conselleira resaltou que o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas sinalou o portal de emprego de Galicia como “o máis accesible de todas as comunidades de España”. Mato afirmou que a posta en marcha hoxe de Mobem e o resto de actuacións levadas a cabo para modernizar o Servizo Público de Emprego de Galicia demostra que a Xunta está a poñer en marcha “un servizo que traballa por e para os cidadáns, que se adapta aos novos tempos e que é cada vez máis próximo e eficiente”.

Actualmente a aplicación de Mobem está dispoñible para a súa descarga para dispositivos Android en Google Play e para BlackBerry en BlackBerry World, agardando chegar a iOS e Windows Phone nos vindeiros días, como compromiso da administración para chegar aos sistemas operativos móbiles máis populares no noso mercado.
O Servizo Público de Emprego estrea aplicación móbil
Compartir Este Artigo

