Aínda que Twitter conte con aplicación oficial multi-plataforma, para unha xestión máis completa, especialmente para varias contas de usuario, resulta moi recomendable outra aplicación oficial, TweetDeck, que estes días está a renovarse, facendo máis doada a publicación de novos chíos, o envío de mensaxes directas e a previsualización das imaxes a compartir. Esta actualización chegará inicialmente á súa versión web e para Chrome, chegando logo tamén ás aplicacións de escritorio.
Entre os novos detalles de TweetDeck está a posibilidade de facer que o panel de composición de chíos pode manterse aberto todo o tempo, chegándose ao mesmo tanto premendo no botón de novo chío como respondendo a un chío existente. Durante a composición das mensaxes poderá accederse ao resto de seccións da aplicación. Na parte superior do menú de composición poderemos marcar as contas de usuario coas que desexemos publicar o noso chío e na parte superior teremos botóns para poder engadir unha imaxe, programar un chío para unha publicación posterior ou escribir unha mensaxe directa en lugar dun chío.
Unha función que tamén mellora é a de resposta, pois agora poderá replicarse a varios usuarios cun único chío, evitando o proceso de ter que ir copiando e pegando os seus múltiples nomes de usuario nun novo chío. Agora, dándolle a responder a cada chío, irase engadindo o seu nome de usuario á caixa de texto que estamos a compor como mensaxes.
TweetDeck tamén acurta as ligazóns nos chíos a 22 carácteres, pero facendo doado ver o enderezo orixinal, evitando así a confusión que pode provocar ver só o enderezo do acurtador de URL.
Outra das melloras da aplicación é que agora, cando esteamos a teclear un nome de usuario ou un hashtag, a aplicación intentará auto-completar a nosa acción non só limitándose a consultar os últimos usuarios cos que tiveramos contacto, senón tamén buscando entre a base de datos de usuarios completa.
TweetDeck actualízase para facer máis doado o uso de Twitter no ordenador
Compartir Este Artigo

