Co fin de encher os posibles baleiros informativos no que se refire a equipamento urbano para termos os nosos fogares e empresas de tecnoloxías plenamente conectados, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e AMTEGA presentaron este mércores un documento-marco que aborda a devandita problemática nos distintos ámbitos administrativos (municipal, autonómico e estatal) salientando a importancia de desenvolver redes ultrarrápidas e das vantaxes de coordinar os traballos cos responsables doutros servizos. Asemade, a Guía de boas prácticas para o despregamento das infraestruturas de Telecomunicación encamíñase a pór de relevo as necesidades dos ditos equipamentos nos plans das obras a realizar no eido local. Ou sexa, que estamos ante un conxunto de pautas para que os traballos resultantes sexan o máis eficientes, harmónicos, ordenados, rendibles e respectuosos co medio ambiente e o patrimonio posibles.
A guía recolle polo tanto unha serie de recomendacións e medidas para estimular o afianzamento e integración de redes que sexan “sempre coherentes tanto coa lexislación autonómica como coa estatal existente”. O documento elaborouse ao abeiro das recentes modificacións normativas, “para que poidan ser levadas a cabo polos concellos acadando despregamentos máis áxiles”, fixeron saber na presentación o presidente da Asociación, Ramón Bermúdez de Castro, e máis a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, as dúas entidades responsables deste traballo (froito dun convenio de colaboración). Bermúdez e Pereira tamén destacaron que a guía busca emprazar a Galicia dentro dos obxectivos contemplados na Axenda Dixital Europea 2020 de cara a consolidación dun mercado único dixital, “e servirá de referencia a todos os actores involucrados, desde empresas de telecomunicacións, provedores de rede, instaladores ou técnicos municipais entre outros”.
Para Pereira, a guía é unha ferramenta fundamental para apoiar aos técnicos dos concellos no que se refire a velar polos ditos despregamentos, a nivel local, de equipamentos TIC de cara aos edificios. Bermúdez de Castro, pola súa banda, aproveitou a presentación deste documento na Cidade da Cultura de Santiago para lembrar que é preciso concienciar á sociedade galega da importancia destes traballos de achega tecnolóxica, traballos que deberan ser levados a cabo da mellor maneira posible, cousas ámbalas dúas imprescindibles (as redes e as pautas para implantalas) para o noso desenvolvemento e modernización. 
Na presentación tamén participou Javier Fernández Fraga, responsable do proxecto e voceiro da AETG, fixo un percorrido detallado polo miolo da guía. Para comezar, lembrou aos asistentes que é necesario facer todo o posible por equiparar en importancia o subministro aos edificios de servizos de telecomunicación co subministro de gas natural, electricidade ou auga. Hoxe en día, apuntou, a Rede é fundamental para o noso medre económico, social e cultural, e isto veuse acompañando nos últimos anos cunha mellora do servizo que non ten parangón co acontecido noutros sectores. “O sector das telecomunicacións”, sinalou, “foi que máis baixou os prezos e aumentou as prestacións das súas ofertas e servizos, un feito moi notable que foxe de tódalas estatísticas que se poidan elaborar”. En base a isto, dixo, é preciso manter ben engraxadas as infraestruturas que nos permiten estar conectados e mesmo renovalas cada certo tempo. A revolución dixital, a inxente cantidade de usuarios dos servizos da Sociedade da Información, as demandas de velocidade e calidade cada vez máis grandes que lles pedimos ás redes, así nolo esixen, subliñou.
Tamén fixo saber que hoxe en día hai normativas vixentes que nos aseguran que os edificios contarán coas infraestruturas axeitadas para estarmos conectadas, pero que existen aínda certos baleiros no que atinxe aos traballos que se teñen que facer na rúa, dende a rúa aos edificios. Aí entrarían en xogo, polo tanto, os concellos e máis a guía que se presentou en Santiago da man da AETG. “Tódolos despregues teñen a súa complexidade”, engadiu Fernández Fraga, que lembrou que as actuacións na rúa non son unha excepción, e que afectan a tres administracións: a local, a autonómica e a estatal. Por estes motivos, sinalou, cómpre regular este eido de actividade, “e cara aí diríxese a nosa guía”. Poñendo orde, eficiencia e achegando o maior respecto posible polo medio ambiente e o patrimonio.
A AETG presenta unha guía para optimizar o despregue dos equipamentos de telecomunicación
Compartir Este Artigo
