Estes dias anunciouse dende a Tecnópole que o programa de Galiciencia 2013, a feira de inventos e tecnoloxías da nosa mocidade, virá cargado de novidades e exemplos moi salientables da capacidade de argallar cousas dos nosos estudantes de Secundaria e Formación Profesional: do tipo de novidades que nos pode deixar coa boa aberta. Por exemplo un respaldo intelixente que nos pon sobre aviso das malas posturas nas costas ou unha luz de salvamento fabricada a partir do flash dunha cámara dixital de fotos. Estes e outros inventos estarán ben á vista en Galiciencia. Trátase, lembremos, da meirande feira científica de Galicia amais de constituír unha actividade de referencia da Semana da Ciencia en España por medio da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), patrocinadora do evento xunto coa Consellería de Economía e Industria.
A feira celebrarase os días 20, 21 e 22 de novembro e virá da man, unha vez máis, da Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia). Daráselle acubillo en Ourense, nunha carpa na que 50 equipos de estudantes das catro provincias galegas (a excepción de cinco grupos que proceden de Catalunya), amosarán ao público asistente os seus proxectos científicos e de innovación. Segundo informa a Tecnópole, prevese que acudan ao evento máis de 2.000 escolares e docentes procedentes de centros de toda a nosa xeografía, aos que se sumarán as persoas que acudan pola súa conta, xa que a feira é de entrada libre para particulares e familias. A todos eles sumáranselles varios equipos de alumnos das Aulas Tecnópole, a iniciativa de capacitación en habilidades científicas e innovadoras promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia, e un equipo que preparou o seu proxecto durante o campamento tecnolóxico de verán (T2W) organizado polo complexo empresarial ourensán o pasado mes de xullo. A Fundación Barrié participará cun stand de seu, onde ofrecerá unha charla para que os docentes coñezan a programación para este curso da canle dixital educaBarrié, unha innovadora plataforma web na que se pon contidos didácticos e materiais ao dispor da comunidade educativa. Esta edición de Galiciencia, a oitava, terá importantes conexións co medio ambiente e a súa conservación, xa que cómpre lembrar que se está a conmemorar o Ano Internacional da Cooperación na Esfera da Auga a través dunha exposición promovida polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e de varios talleres orientados a diferentes idades. Como novidade a engadir, a edición deste ano contará cun equipo de reporteiros audiovisuais formado por participantes na feira que gravarán todo o que ocorra na exposición de proxectos e nos talleres e espectáculos para editar o vídeo oficial do evento coas mellores imaxes.
Galiciencia 2013 contará coa participación de medio cento de equipos da nosa terra amosando os seus inventos
Compartir Este Artigo
