A iniciativa teatral Funboa Escénica, impulsada por Paulina Funes e Cristina Balboa, representou a semana pasada na zona C de Compostela a estrea de Sigue buscando, un proxecto que ten ás súas costas máis dun ano e medio de traballo e cuxo proceso de elaboración semella ter un protagonismo semellante ao do resultado final. De feito, ese ano e medio de traballo foi gravado e rexistrado en detalle para logo formar parte, retroactivamente e mesturado con ingredientes de ficción, do resultado final: o espectáculo en si mesmo. Sinalar que o proceso de creación deu como resultado unha webserie que xa podemos ver en parte na Rede, da man do CCG. A temática non é outra que o fracaso. Algo que unha sociedade en crise como a nosa coñece ben, e no que tamén se pode entrar ou saír dignamente.
Segundo sinala Balboa na reportaxe achegada polo Consello da Cultura Galega, “ao acabarmos o anterior proxecto da compañía, Oiseau Rebelle, tiñamos unha sensación de fracaso como compañía. Dedicámoslle moito tempo e logo non atopamos difusión nin axuda por parte dos programadores ou de AGADIC. Pensamos que a obra debería ter unha vida máis longa. E a isto sumouse a sensación xeral de fracaso na sociedade, co paro e a crise”. Con este punto de partida ou de chegada, a directora do proxecto comezou a darlle forma a unha obra arredor do devandito. Comezaron os traballos con Estevo Azañón e chegou a constatación de que non había un espazo para ensaiar. De aí que se pensase en facer unha serie web con todas as ideas e o material que tiñan entre mans. Segundo informa o CCG, estamos a falar de sete vídeos nos que os intérpretes amosan como se vai desenvolvendo a obra: cousas como a busca de cartos, dun espazo para ensaiar, a presentación do propio proxecto na pasada edición de Culturgal, etc. A proposta derivou finalmente na obra que se está a representar na Zona C de Compostela, máis polo miúdo este xoves 14 de novembro e o vindeiro día 17.
Funboa Escénica mestura formatos teatrais e de webserie na súa obra Sigue buscando
Compartir Este Artigo
