Dicía Juan Luis Quincoces (Centro Nacional de Tecnoloxía da Accesibilidade), nunha visita a Compostela, que as cidades intelixentes deberán ser accesibles ou nunca poderán ser intelixentes. En certa maneira, isto mesmo acontece coa tecnoloxía toda: ou é solidaria (directa ou indirectamente) ou non é tecnoloxía. E moito menos innovadora. Dende o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, lembran hoxe este devandito punto de responsabilidade, co gallo do desenvolvemento dunha iniciativa para botar unha man aos afectados do tifón de Filipinas e con potencial para ser aplicada en canta catástrofe suceda.
A iniciativa, máis polo miúdo, consiste nunha achega tecnolóxica e de coñecemento a Médicos sen Fronteiras, organización á que Gradiant vén de fornecer o resultado dun dos seus últimos experimentos sobre minería de datos. Así, durante unhas semanas, o centro tecnolóxico puxo unha pequena parte da potencia de cálculo dos seus equipos informáticos ao servizo dun experimento sobre os métodos de minería das moedas electrónicas bitcoins, “dado que o sistema de cadeas de bloques e os sistemas de criptografía que emprega a moeda virtual resultan útiles en varios campos das súas investigacións”, explican fontes de Gradiant.
E cales son estes campos de aplicación? Pois eidos como a criptografía aplicada a sistemas de seguridade en computación na nube ou a análise de datos de gran tamaño. “Como resultado colateral destas investigacións”, prosegue Gradiant, “obtívose o equivalente a 1.000 euros en bitcoins, que posteriormente foron trocados por moeda física e doados a Médicos sen Fronteiras para a súa campaña a favor dos damnificados polo furacán de Filipinas”.
Lembrar que o tifón Haiyan deixou máis de 5000 vítimas mortais ao seu paso por Filipinas o pasado 8 de novembro, máis de dez millóns de damnificados e catro millóns de desprazados.
Gradiant converte unha proba con bitcoins nunha doazón de 1.000 euros aos afectados polo tifón de Filipinas
Compartir Este Artigo
