Este outono semella especialmente activo en materia de divulgación e xornalismo galego en calquera das súas vertentes a través da Rede. Se hai uns días falabamos en Código Cero da apertura dun proxecto web de gran interese para tódalas xeracións, a posta en marcha de GCiencia, agora é a quenda doutros dos proxectos ligados a Internet que amosan un nexo común entre todos eles: os tres viron a luz como proxectos das bolsas iProx. Dáse a circunstancia de que deste programa de axudas tamén temos falado, salientando que vén da man co Colexio de Xornalistas (CPXG) e que se dirixe a “promover traballos relacionados coa realidade socioeconómica galega”. E faino con contías que van dos 1.000 aos 6.000 euros, tendo as novas tecnoloxías (webs, redes sociais) no seu punto de mira. Volvendo aos proxectos que xorden a maiores de GCiencia, dicir que se trata de Miríades e Viaxe aos recordos.
Miríades, cóntanos de primeira man o Colexio de Xornalista de Galicia, é unha plataforma coordinada por Xurxo Salgado e Manuel Vilas, con dúas vertentes: unha técnica, con distribución de contidos multimedia en HD, e unha de contidos, elaborando reportaxes sobre a minaría en Galicia como mostra do potencial da plataforma. Pola súa banda, Viaxe aos recordos recolle o traballo de investigación de Belén Blanco e Xela Cuñarro centrándose no estudo da inmigración galega nun caso en concreto, o de Mercedes Bastón, viúva dun home que traballou, viviu e morreu en Holanda hai 30 anos. A web recolle as experiencias de Mercedes percorrendo os lugares onde estivo o seu marido anos atrás. 
No que se refire a Gciencia, lembrar que vén da man de Eduardo Rolland e Pablo López Campos, e que se trata dunha web informativa de ciencia galega, en galego, castelán e inglés, que trata de contar as novas sobre investigación que teñen lugar na nosa terra e transmitirllas á sociedade. Por certo que a finais de ano teremos a nosa disposición o cuarto e derradeiro proxecto destas edición de iProx, de nome Galicia Soa, do que aínda non temos información que achegar.
Destacar finalmente que as bolsas iProx son resultado dun convenio de colaboración asinado a finais de 2012 entre Novagalicia Banco e o Colexio de Xornalistas para a creación, organización e posta en marcha destas axudas para xornalistas licenciados e/ou colexiados, “froito do interese de Novagalicia por promover e dar saída a proxectos de comunicación que por causa da situación actual non poden ver a luz”, informan os responsables destas achegas. O CPXG, como entidade que representa aos xornalistas galegos, entre cuxas funcións está a de tratar de mellorar as condicións nas que os xornalistas levan a cabo os seus traballo, quixo ser o vehículo condutor da iniciativa, e agradece profundamente a Novagalicia Banco o seu interese por fomentar os proxectos innovadores dos profesionais da comunicación de Galicia.
