
Ademais, tamén se deu a coñecer os días pasados que finalmente acadouse a arelada cifra de cincocentos subscritores para apuntalar a supervivencia de Luzes, cousa conseguida en parte grazas á campaña levada a cabo en revistaluzes.com. Por certo que cada subscritor terá o privilexio de ser tamén fundador, e xa nun terreo de vantaxes que se poden ver e tocar, poderá gozar de tarifas reducidas, adiantos dos contidos e consultas para o bo funcionamento da revista, o seu sostemento e a achega de contidos.
Sinalar que recentemente tivemos en Compostela un adianto de Luzes, e na presentación Pereiro e Rivas describiron a súa iniciativa (revitalizadora dunha prensa galega que arrastra todo tipo de condenas, e entre as non menos importantes atópase a da falta case absoluta de espírito crítico e de independencia con respecto do poder en calquera das súas manifestacións) acompañados de Iago Martínez, que é quen coordina o proxecto. “A nosa”, dixeron “non é soamente unha revista. É un lugar. Un ecosistema propicio para o xornalismo. Para contar as cousas como é debido, con tempo, rigor e campo aberto por diante”. Este sábado en Culturgal péchase un círculo e sen dúbida ábrese outro.
Culturgal acolle o sábado o lanzamento oficial de Luzes, nova revista en papel e para tablets
Compartir Este Artigo
