No mundo dos videoxogos e da animación tridimensional é moi habitual a captura de movementos, e dende Holotech Studios quixeron aproveitar a súa experiencia con esta tecnoloxía para desenvolver FaceRig, unha solución que permitirá recoñecer as expresións faciais dunha persoa situada fronte a unha webcam para que un personaxe xerado por ordenador as reproduza, e poidan así transmitirse como se doutra webcam se tratase, de xeito que faría posible a realización de videoconferencias a través de Skype ou Google Hangouts cos personaxes virtuais.
Este desenvolvemento emprega tecnoloxía da sueca Visage Technologies para recoñecer os movementos e logo traducilos a animacións 3D xeradas en tempo real, o que permitirá non só as videoconferencias, senón tamén a gravación de vídeos divertidos que despois poderán compartirse en liña, de xeito que o usuario poderá verse reflectido nun animal antropomórfico, nun mostro ou nun personaxe de animación, podendo adornar a secuencia con sons, efectos de iluminación, simulacións físicas… todo un amplo abano de posibilidades que se abrirán para persoas sen coñecementos de animación 3D a un prezo asumible, que aínda o será máis para os que apoien o proxecto a través da súa campaña de micromecenado aberta en Indiegogo, e que facilita o acceso á versión de proba de FaceRig Classic (versión doméstica da aplicación) por a partir de 5 dólares (3,62 euros), mentres que a versión profesional (que permite o seu uso lucrativo) estará dispoñible por a partir de 40 dólares (28,99 euros).
Parece que este proxecto non vai ter problema para acadar o financiamento desexado, pois dos 120.000 dólares que marcaron como obxectivo xa xuntaron 104.529 no momento de escribir estas liñas, quedando aínda 41 días para que remate a campaña de micromecenado que facilitará que este desenvolvemento medre, de xeito que no futuro podería dar lugar a aplicacións para dispositivos móbiles ou incluso espallar o recoñecemento de xestos a dispositivos máis avanzados que unha webcam (como Kinect) para que os avatares poidan ter aínda unha maior versatilidade. Prevese que os mecenas ordinarios poidan acceder á versión de proba de FaceRig a partir do 15 de agosto.
Vídeo de presentación (en español) de FaceRig
FaceRig permitirá facer videoconferencias con avatares 3D xerados en tempo real
Compartir Este Artigo

