Os responsables da tenda en liña do Monte Pindo veñen de facer un pequeno reconto do acadado ao longo do seu (aínda) breve percorrido dixital, e as primeiras cifras confirman dúas cousas a ter en conta: que hai moita xente agardando a súa oportunidade para achegar o seu gran de area na recuperación desta importante paraxe natural emprazada en Carnota (asolagada polo lume o pasado verán) e que cada vez apostamos máis -no Nadal- por un modelo de agasallo responsable. De feito, segundo confirma a Asociación Monte Pindo, responsable da iniciativa, “agasallo de moda nas pasadas festas foi sen dúbida unha árbore para o Monte Pindo”. Falamos de doazóns de carballos ou castiñeiros para contribuír a repoboar e recuperar o Olimpo Celta.
O éxito das árbores, ademais, semella que colleu por sorpresa aos integrantes da asociación, aos que nunca se lles pasou pola cabeza que “precisamente ese forse con diferenza o artigo da tenda en liña máis prezado polos visitantes, e que incluso se convertese nunha especie de agasallo de moda, sen dúbida debido ao prezo simbólico dun euro pero tamén á inmensa xenerosidade dun pobo disposto a salvar o seu monte nun tempo tan difícil no plano socio-económico”, comentan.
A día de hoxe a Asociación Monte Pindo Parque Natural leva recadado por este concepto uns 97 euros de 21 persoas, que por suposto se destinarán integramente á repoboación do Olimpo Celta con árbores autóctonas “unha vez que se superen os escollos impostos pola administración autonómica ao proxecto SOS Monte Pindo”.
Segundo engade a asociación, ás boas novas devanditas hai que engadir outra máis: a oferta de colaboración feita por Agasallo.eu, a plataforma de comercio electrónico promovida pola CTNL que se dirixe a fornecer opcións viables para facer agasallos en galego. “Os responsables desta plataforma”, informan, “comunicáronse con nós para integrar desinteresadamente varios dos artigos da tenda e contribuír deste xeito á recuperación do Olimpo Celta”. Os artigos elixidos son o Medallón das Sete Pitas, a Ra de San Antón e o carballo ou castiñeiro no Olimpo Celta.
As árbores para o Monte Pindo confírmanse como os agasallos estrela da súa tenda en liña
Compartir Este Artigo
