A Universidade de Santiago presentou este xoves o seu repositorio institucional de nome Minerva. Trátase, máis en detalle, dunha xanela única onde consultarmos a produción de coñecemento xerada polos investigadores da institución académica: un xeito de poñernos as cousas máis doadas a aqueles que procuramos cousas como coleccións bibliográficas dixitalizadas, teses, actas de congresos, referencias, revistas ou traballos científicos en xeral achegados por investigadores e docentes da USC. En definitiva, Minerva quere por unha banda pór orde na información e, pola outra, achegar o máximo coñecemento posible. E faise, ademais, apostando polo open access.
O repositorio, segundo se fixo saber nun acto celebrado co Colexio de San Xerome (no que participou o reitor, Juan Casares, entre outros impulsores da iniciativa), acubillará, preservará a difundirá os documentos dixitais resultantes das actividades de investigación e docencia da USC.
Ademais, apostará como dixemos pola información en acceso aberto, “dando cumprimento así ao sinalado pola Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación e a Declaración de Berlín sobre Acceso Aberto ao Coñecemento nas Ciencias e as Humanidades”, sinalouse. Neste primeiro treito do camiño o repositorio está a acoller cinco grandes comunidades: Biblioteca Universitaria, I+D+i, Docencia e innovación educativa, Institucional e Arquivo Histórico Universitario. As seccións que máis contidos atesoura son as dúas primeiras, con case 11.000 documentos. Segundo se fixo saber na rolda de prensa, “xa están dispoñibles preto de 1.200 teses de doutoramento, uns 5.000 artigos de revistas publicadas pola USC e 4.000 fondos bibliográficos patrimoniais”. A partir de agora, a previsión é ir incrementando as cifras “ao fío da propia actividade universitaria”
Sinalar que a base de datos Minerva leva xa un tempo operativa, pero estivo ata o de agora centrada, sobre todo, en dar servizo á comunidade universitaria. A idea, agora, é abrila a tódolos interesados. Trátase, segundo fixo saber Carases Long, de achegar unha iniciativa sen fronteiras. De feito, xa podemos consultar a páxina web do proxecto en dspace.usc.es, en aberto e sen límites.
No acto de presentación celebrado no Colexio de San Xerome participou tamén a directora da Biblioteca Universitaria de Santiago, Isabel Casal, quen centrou a súa intervención arredor dun eixe ben definido: o que Minerva pon en xogo que antes non había. “O cambio fundamental con respecto ao anterior”, dixo, “será a transición a un sistema de autoarquivo que pon o acento no/a usuario/a , xa que o persoal rexistrado poderá subir ao repositorio a súa produción científica e darlle máis visibilidade”. De feito, lembrou, esta é unha iniciativa que promove o acceso libre e gratuíto á literatura científica e académica como medio para mellorar o sistema de comunicación científica e o acceso ao coñecemento. Recordou tamén que a versión beta do repositorio rexistrou entre outubro e decembro pasados practicamente 2.700 accesos a teses. Igualmente, fixo saber que Minerva alberga xa toda clase de materiais sempre que estean en soporte dixital, sexan producidos por persoal docente e investigador da USC, persoa que desenvolva actividades nesta mesma Universidade ou persoal emérito e xubilado. Tamén sinalou que aínda que se admiten múltiples formatos dixitais, recoméndase a utilización de formatos non propietarios, como PDF (para os textos), JPG (para as imaxes) e Mp3/Mp4 (para audio).
Minerva cumpre con todos os estándares de metadatos e protocolos de interoperabilidade e está recollido polos directorios e acubillos nacionais e internacionais máis importantes entre os que se atopan Driver, Oaister, Recolecta, Hispana, Europeana, TDR, Roar, e Opendoar.
O repositorio é un proxecto transversal desenvolvido polas vicerreitorías de Investigación e Innovación e de Estudantes, Cultura e Formación Continua, a través da Biblioteca Universitaria, o Servizo do Publicacións e Intercambio Científico e a Area TIC, coa colaboración do Arquivo Histórico Universitario e o Centro de Tecnoloxías da Aprendizaxe. A BUSC será a xestora principal do repositorio e o Servizo de Publicacións continuará introducindo parte da súa produción e todas as teses defendidas na USC.
Polo que se refire aos aspectos técnicos do repositorio, dicir que non só se apostou pola programación aberta para o fondo do proxecto, senón tamén para a forma. Así, a USC elixiu como tecnoloxía alicerce para o repositorio o software libre Dspace, “proxecto recoñecido entre as mellores solucións existentes neste ámbito”, sinalouse. Na presentación participaron ademais os vicerreitores Francisco Durán e Francisco González; o director da Área TIC. Andrés Freire; o director do Servizo de Publicacións Juan Blanco; e a director do CeTA, Beatriz Cebreiro. Como colofón, o reitor Casares Long fixo saber que “Minerva é a mellor demostración dos compromisos da Universidade de Santiago co acceso ao coñecemento aberto e co software libre”.
A USC abre oficialmente o seu repositorio de coñecemento científico sen fronteiras: Minerva
Compartir Este Artigo
