
Segundo informan fontes de TADEGA, estas accións de divulgación TIC insírense plenamente no ideario do colectivo: un compromiso firme para garantir que a tecnoloxía tamén responda á diversidade social que se reflicte a día de hoxe nas aulas. Ou sexa, que do que se trata é de garantir que as TIC non estean desenvolvidas só á medida dunha maioría ou dun promedio de características, senón que abrangan tódalas necesidades e requirimentos. Para TADEGA, é unha gran nova que a tecnoloxía dixital chegase ás aulas, como tamén está a afianzarse a aceptación das diferenzas naturais de cada alumno. “Agora ben”, din dende a asociación, “non podemos esquecer que toca revisar os nosos métodos de traballo, as nosas pedagoxías, co fin de facer que as pezas encaixen e permitir que tódalas alumnas e alumnos sexan quen de adaptarse á nova situación da aula dixital”. Para TADEGA, está claro que a maioría dos docentes e das familias reclama información para pórse ao idea nas novas metodoloxías de ensino. “Aí precisamente”, sinala o colectivo, “é onde entra a nosa asociación”. A batería formativa dos seguintes meses, da que ofrecemos a continuación información detalla, é un exemplo deste compromiso.
· Febreiro (sábado 22). Cambados (Pontevedra). En horario de 10.00 a 14.00 horas. Ferramentas para a comunicación alternativa con persoas con diversidade. Lugar: salón de actos de Exposalnés. Participan Juan J. Fdez. García (presidente de TADEGA), Mª Cruz da Silva Rubio (mestra e presidenta de Por Dereito), Carmen Fernández Cacho (mestra), Mª Carmen Otero Vázquez (nai dun neno con diversidade), Susana Martínez Fieiro (nai dun neno con diversidade).
· Marzo (sábado 15). Teo (A Coruña). Servizos e proxectos de Pictoaplicaciones.com. Contido: a través de xente do GrupoPromedia.es e de Pictoaplicaciones.com farese un percorrido amplo e completo polas aplicacións, ferramentas e servizos que ofertan dende a súa web así como tamén dos seus proxectos máis inmediatos e aínda en cociña.
· Abril (venres 25 e sábado 26). A Coruña. II Xornadas de Tablets Aspronaga. As tablets na Educación e na Atención á diversidade. Lugar: Centro de Formación e Recursos (CFR) da Coruña en Rúa Pepín Rivero, 3 (Edificio UNED) da Coruña. Contido: a actividade vén da man de ASPRONAGA e nela TADEGA participa como colaboradora. Contarase coa presenza de Pere Marqués en labores de relator.
· Maio (sábado 10). Santiago de Compostela. Uso e personalización de ferramentas de Accegal (Pictodroid, MesageTTS, VisualTEC, SubTitleMe, MyKeyboDroid, etc). A relatora será Fátima García Doval, do equipo de Accegal.
· Xuño. Lugo. Cea-coloquio. Verdades e mentiras da inclusión. Con esta actividade, “preténdese dar forma a un debate sen asperezas pero tamén sen rodeos sobre a inclusión e, por extensión, a inclusión dixital”. A intención, sinala TADEGA, é chegar a conclusións prácticas de cara ao futuro.
Por último, sinalar para quen estea interesado en participar nestas accións formativas que é posible formalizar a inscrición a través da web de TADEGA.
TADEGA lanza novos obradoiros dirixidos a apuntalar a plena inclusión TIC de todo o noso alumnado
Compartir Este Artigo
