
O evento, aberto ao público e a todo o alumnado do centro, xirará arredor das novas oportunidades profesionais, laborais e de financiamento de proxectos sobre este tipo de formato. O seminario estruturado en mesa redonda (aberto integramente ás intervencións dos asistentes) contará coa presenza de parte do equipo técnico das que están consideradas polo CLAG como “dúas das webseries do ano en Galicia”. Falamos de Clases de lo Social e Canillejas. Para falar da primeira achega acudirá o director Pablo Cacheda e para afondar nos obxectivos e no alcance da segunda das series intervirá Pablo Fontela, coguionista e actor. Con este seminario, a Escola de Imaxe e Son de Vigo quere “manter o seu compromiso de calidade co seu alumnado achegando experiencias do sector ós profesionais do futuro”, explica.
Canillejas, informa o Cluster Audiovisual Galego, “foi a primeira serie española de época e unha das primeiras do mundo”. Emprazada no século XIX, “os seus protagonistas analizan con humor mordaz e irónico acontecementos históricos do século XX e da actualidade”. Este compoñente retranqueiro da serie é sen dúbida unha das razóns do seu éxito. Canillejas foi cualificada “como unha das webseries máis salientables do ano 2013”. Pola súa banda, Clases de lo Social é unha comedia en pequenas pezas “que avalía con humor o noso comportamento ante situación cotiás”. Contou coa participación de actores galegos como Avelino González, Monti Castiñeiras, Carlos Blanco ou Xulio Abonjo, entre outros. Asemade, conseguiu financiamento para a súa segunda tempada “e converteuse nun exemplo de produción dos proxectos audiovisuais da Rede”, engade o CLAG.
Dúas webseries de raizame galega, polo miúdo este luns na Escola de Imaxe e Son de Vigo
Compartir Este Artigo
