Estes días estase a falar sobre un malware espía moi desenvolvido que foi achado pola empresa Kaspersky e ao que xa se lle coñece co nome de Careto. A elección deste apelativo, por certo, non foi casualidade: a palabra viña nos miolos dos seus módulos de software. Polo tanto, máis a conto imposible. A cuestión non tería máis transcendencia, entre outras cousas porque este tipo de malware é cada vez máis abondoso, senón fora porque xa hai quen suxire que non se pode descartar que se trate dun programa feito dende España. Non só a palabra Careto alude a isto, senón a existencia doutos termos en español que apuntan a que os pais da criatura son de fala hispana, algo que si que é unha novidade.
Os países infectados, o radio de actividade do programa, coincide ao parecer cos eixos da política exterior española. Falamos de 31 países entre os que se inclúe nove de Latinoamérica. Destes países cómpre salientar Brasil pola especial incidencia do malware, cousa atribuible ao desenvolvido que está o país irmán en materia de Rede e tamén á numerosa comunidade internauta coa que conta. A máis internautas, máis incidencia. O caso é que para Pablo Perejano (Eldiario.es), é un dato a ter en conta que Brasil sexa un país de gran interese para España, cuxas empresas teñen alí grandes investimentos. Polo que respecta ao norte de África, o malware pasou coma unha borrasca por tódolos estados lindeiros co Mediterráneo. Ou sexa, o que están máis preto de España. Sobranceiro é o caso de Marrocos, que segundo nos recorda Pablo, botando man dos datos de Kaspersky, é a moita distancia dos restantes afectados o máis atacado por Careto.
Por certo que este virus foi localizado o ano pasado, aínda que se soubo de pegadas deixadas xa en 2007. Este programa actúa intervindo tódalas canles de comunicación dun equipo, así tódolos datos que acubilla, envía e recibe fica exposta. Diríxese a captar información vital como contrasinais ou claves SSH. Sinalar que Kaspersky non o atribúe claramente a ningún país ou corporación ou entidade, pero apunta a que os sinais emitidos fan pensar no patrocinio dunha entidade estatal. A compañía engade que “observouse nel un alto grao de profesionalidade nos procedementos operativos do grupo que está detrás deste ataque: desde a xestión da infraestrutura, o peche da operación, evitando as olladas curiosas a través das regras de acceso e a limpeza en troques da eliminación dos arquivos de rexistro”.
Suxiren que podería haber responsabilidade estatal tralo malware espía Careto
Compartir Este Artigo
