A tecnoloxía dos códigos QR é sen dúbida unha das máis sorprendentes de cantas se teñen propagado nos últimos anos. Que se xere tanta información a partir de recadros tan miúdos e á vista tan indescifrables, aínda causa un aquel de abraio malia estar espallados estes códigos en tantos recantos da nosa vida cotiá. Ademais, hai que ter en conta outro factor: a inmediatez e a accesibilidade que engaden á información e á comunicación. Esta vantaxe e esta tecnoloxía QR son o alicerce dun proxecto estatal no que están a traballar os investigadores do Grupo de Enxeñaría Telemática da EE de Telecomunicación.
Trátase dun proxecto liderado pola universidade alacantina Miguel Hernández para dar forma a un sistema de control -a través dos ditos códigos de barras bidimensionais de lectura rápida- para os alimentos que se subministran a pacientes por vía intravenosa. O obxectivo é lograr que os profesionais da saúde poidan coñecer, con só achegar o seu dispositivo móbil, a composición dos alimentos e os medicamentos parenterais que reciben aqueles doentes que non poden alimentarse polo estómago.
Segundo informa a UVigo, a participación dos enxeñeiros galegos no proxecto xorde despois de numerosas colaboracións con grupos de traballo do ámbito clínico e da saúde de todo o ámbito estatal. O proxecto como dixemos está liderado dende a UMH. Máis polo miúdo, polo profesor de Historia da Ciencia, Javier Sanz Valero. A súa duración é de tres anos e durante ese período crearase unha gran base de datos que lle servirá ao especialista para ter, “de xeito sinxelo e desde o seu propio dispositivo móbil”, toda a información da historia clínica do paciente. Xunto á Universidade Miguel Hernández e á Universidade de Vigo, no proxecto participan tamén investigadores da Universidade de Granada e persoal clínico de tres hospitais universitarios: o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, o Xeral de Alacante e o Son Espases de Mallorca.
A iniciativa é coñecida como Tecnoloxías de recoñecemento óptico aplicadas á Trazabilidade e Análise de Perigos e Puntos Críticos de Control (APPCC) das mesturas de nutrientes parenterais. Ao seu abeiro, o traballo dos investigadores ten ramificacións con ámbitos que non lle soen ser propios ao devandito, como a intelixencia artificial ou a web semántica. Segundo apunta o profesor Luis Álvarez-Sabucedo, un dos docentes da UVigo implicados nestes traballos e investigador de AtlantTIC, a iniciativa “consiste en que sexamos quen de identificar, onde non había un patrón, que tipos de pacientes son estatisticamente máis proclives a segundo que situacións”. Polo tanto, do que se trata é de compilar información deses procesos de calidade para despois poder procesala e extraer conclusións que reduzan posibles riscos para o paciente e fagan máis eficaz todo o proceso. O grupo galego, explica, encargarse do desenvolvemento de diferentes interfaces sen fíos para logo poder ser capaces de identificar eses patróns.
Investigadores da UVigo traballan en aplicar tecnoloxía QR no coñecemento dos historiais médicos
Compartir Este Artigo
