Achegarse ao quiosco para revisar as portadas dos xornais era tradicionalmente un bo xeito de tomarlle o pulso á actualidade diaria, como aínda fan en distintos informativos televisivos, pero a tecnoloxía actual pode evitarnos o paseo xa que esta práctica pode realizarse a través, non só do ordenador, senón tamén de dispositivos móbiles, grazas a aplicacións como Smart Covers, de Smart GalApps, que permite consultar as portadas dos xornais máis lidos de todo o mundo dende móbiles e tablets con Android.
Esta nova ferramenta de balde permite a consulta doada dos diarios editados na nosa proximidade (grazas á xeolocalización), axiliza a consulta das portadas que máis adoitamos ver (podemos engadilos a unha relación de favoritos), facilita gardar e compartir as portadas máis interesantes, amosa os distintos xornais de todo o mundo sobre un mapa para axudarnos a descubrir as diferentes publicacións e incluso conta con ligazóns ás páxinas web dos xornais. Os contidos desta aplicación proveñen da páxina web Kiosko.net.
Esta é só unha das moitas aplicacións que Smart GalApps achega de balde para dispositivos con Android, como Smart Weather, TradutorGalego e ConxuGalego; destacando tamén o feito de unha das súas ferramentas mellor recibidas, Imos?, é de pagamento (custa 0,89 euros), aínda que é moito máis ambiciosa a última proposta deste estudio de desenvolvemento de aplicacións, que consiste nun servizo orientado á promoción de establecementos a través do móbil.
Smart Covers, unha nova aplicación móbil galega para consultar as portadas da prensa
Compartir Este Artigo

