A interacción das ferramentas e servizos tecnolóxicos cos diferentes territorios achegan experiencias de valor tanto para as ferramentas e servizos como para os territorios. Do xogo entre as identidades locais e os novos recursos universais abrollan novos azos para o noso desenvolvemento, novas oportunidades de negocio e futuros posibles para áreas rurais, vilas ou cidades. Estas cuestións están no alicerce dunha nova actividade formativa do Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio (GIS-T) da Universidade de Santiago. Trátase do curso en liña Marketing territorial e telecomunicacións, dirixido a mellorar as nosas capacidades nos eidos da planificación estratéxica e a mercadotecnia a nivel internacional. Asemade, encamíñase a favorecer a entrada en xogo das novas fórmulas de promoción en concello concretos.
Segundo informa o director deste curso, o profesor Carlos Ferrás, “o marketing territorial é unha ferramenta estratéxica que permite a definición da imaxe de marca de lugares, cidades, municipios ou rexións en función do seu modelo de desenvolvemento e das súas necesidades vitais”. Ademais, abre xanelas para dar forma á promoción de todas aquelas cousas propias dun lugar que poderiamos considerar as súas marcas de identidade, aquilo que lles é propio (produtos, servizos, monumentos, paisaxes, cultura, lingua, rutas, historia) e ao mesmo tempo amosa máis potencial para o desenvolvemento económico e social. O curso está pensado para alumnos de grao ou de último curso, especialmente xeógrafos ou calquera titulado en ciencias sociais, económicas ou humanidades. Tamén está aberto para os profesionais autónomos, desempregados, profesionais e técnicos da administración pública, con ou sen titulación universitaria. A inscrición pode formalizarse ata o 15 de marzo e o curso comezará o 20 deste mesmo mes ata o seu remate o 20 de xullo. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á web do grupo de I+D da Universidade de Santiago.
O grupo GIS-T lanza un curso en liña sobre mercadotecnia e telecomunicacións nos territorios
Compartir Este Artigo
