
O festival, segundo contan os seus responsables (o Concello e o equipo de Interplay), emprazará a Carballo como unha das primeiras poboacións do Estado onde se leve a cabo un evento audiovisual destas características. De feito, sinalan que ata o de agora non se contaba cunha palestra propia, só seccións de seu.
O festival, en palabras dos promotores, ten “o obxectivo xeral de apostar pola creatividade, a cultura e o desenvolvemento das industrias culturais, aproveitándoo ademais para dar a coñecer Carballo como unha vila dinámica e acolledora”. A fórmula que se vai empregar é a de centrar o obxectivo “no rico caldo creativo que burbulla na Rede”. O certame, que incluirá un amplo programa de actividades (proxeccións, obradoiros, charlas, clases mestras, mesas redondas e actuacións musicais), ten ás súas costas, coordinándoo e promovéndoo, un equipo de mulleres do noso sector do audiovisual, entre as que se atopan Sonia Méndez, directora do CIP, e máis Sandra Lesta, responsable das actividades paralelas e, á súa vez, unha das pioneiras da nosa terra en apostar por este tipo de formatos (a través da serie en liña Angélica e Roberta).
Segundo contan Sonia e Sandra en Sermos Galiza, o certame acubillará a destacados profesionais no ámbito das webseries a nivel estatal, entre os que se contan David Sáinz e Teresa Segura, de Malviviendo, unha das achegas estatais de meirande éxito; ou Julio Garma, de Freaklances, que amosará Freaklances Project, un proxecto de distribución de webseries que está a xerar moito interese entre seareiros e profesionais. Do obradoiro de balde que se impartirá en marzo encargarase o director galego Javi Camino, da produtora Magnetova, e responsable á súa vez da webserie El viúdo quiere mimos.
O Festival de Webseries de Carballo contará coa presenza dos principais representantes deste novo xénero
Compartir Este Artigo
