
Segundo informan os impulsores de Biicode, a devandita tarefa adoita ser moi tediosa, e esixe destinar moito tempo a configurar os proxectos por parte dos desenvolvedores. O sistema, ademais, permite que tomemos o control do que acontece no caso de sermos usuarios máis expertos.
Polo tanto, estamos ante unha ferramenta que facilita o traballo dos usuarios individuais e que, ao mesmo tempo, pon a disposición das comunidades unha plataforma de código “moi potente para compartir recursos”. De feito, para reutilizar o código doutros usuarios non é preciso descargalo, abonda con facer o include dende o código fonte. Ao mesmo tempo, sinalan os responsables de Biicode, “compartir o noso código con outros usuarios non require nada especial, basta con executar un comando”.
O sistema está especialmente enfocado cara a Arduino e RaspberryPi, hardware libre para favorecer a enxeñaría industrial, robótica ou computacional, recursos que levan anos xuntando unha chea de seareiros da electrónica e da intelixencia artificial de todo o mundo e sen que se lles esixan grandes coñecementos en programación. De feito, Biicode diríxese tamén a favorecer a concorrencia destes seareiros, ao encargarse da realizar a compilación cruzada e pasar o programa ao dispositivo, “todo isto de xeito transparente”.
Biicode é unha iniciativa recente, e para impulsala os seus promotores lanzaron un concurso para programadores de C++ en Arduino e RaspberryPi. As datas de inscrición están abertas ata o 6 de abril e pódense presentar proxectos ata o 13 de abril de 2014. O equipo gañador do concurso levará 1.000 euros e varios kits de hardware, o segundo equipo obterá 500 euros e aparellos de hardware e o terceiro conseguirá 300 euros máis unha achega de equipamento. O xurado está formado por representantes de empresas como Google, BQ, Dymotics, Tetuán Valley, Bricogeek e Biicode, “o cal é unha gran oportunidade para demostrarmos as nosas habilidades ante eles”, sinalan dende Biicode.
Sinalar por último que detrás deste sistema atópase unha start-up do mesmo nome, unha nova empresa con “gran potencial de proxección”, tal e como quedou de manifesto durante a terceira edición española da competición mundial SmartCamp de IBM, cuxa gala final celebrouse o pasado outubro e na que Biicode obtivo o recoñecemento á mellor solución tecnolóxica española “para crear un planeta máis intelixente”.
En marcha Biicode, un sistema intelixente para favorecer a reutilización de software
Compartir Este Artigo
