No congreso para desenvolvedores Build 2014 Microsoft puxo toda a carne na grella, anunciando importantes novidades para os seus sistemas operativos (que serán de balde para os seus fabricantes en dispositivos con pantallas táctiles de menos de 9 polgadas), que avanzan a bo ritmo cara á súa perseguida converxencia, convertendo a Windows nunha grande oportunidade para os creadores de aplicacións informáticas.
Windows Phone 8.1 busca consolidar Windows nos móbiles
Windows Phone 8.1 integrará un Action Center e o asistente CortanaA conferencia que abriu o Build comezou falando de Windows Phone 8.1, actualización do sistema operativo móbil de Microsoft que chegará no verán (aínda que os desenvolvedores poderán probalo a partir da vindeira semana) e que achegará moitas novidades importantes como un Action Center (que facilitará a xestión de notificacións), as aplicacións da familia Sense (que axudarán a xestionar o uso de datos, almacenamento e batería), unha maior personalización do escritorio, unha nova aplicación de calendario, a posibilidade de iniciar unha videoconferencia de Skype durante unha chamada telefónica e Cortana, un asistente persoal dixital que asegura ser moi superior aos das plataformas competidoras e que está inspirado nun personaxe da saga de videoxogos Halo, e que, tirando proveito de Bing, poderiamos velo como unha mestura de Siri e Google Now, presumindo de estar presente incluso nos smartphones máis modestos con só 512 Mb de RAM.
As novidades de Windows Phone 8.1 vistas en vídeo
Windows 8.1 comportarase mellor en equipos sen pantalla táctil
Windows 8.1 renovará o seu botón de InicioPero non só os móbiles están a renovarse, senón que o recente Windows 8.1 tamén vai recibir a partir do vindeiro martes unha actualización de balde que vai ser moi ben recibida polos usuarios de equipos de escritorio, por introducir numerosas modificacións da interface de uso para facer máis áxil o control do sistema con teclado e rato con detalles como amosar a icona de apagado do equipo no menú de Inicio (sen precisar agora de despregar o menú lateral para apagar o ordenador), amosar un menú contextual tradicional no menú de Inicio, poder amosar a barra de título ou a barra de tarefas en aplicacións con interface moderna con só colocar o cursor na parte superior ou inferior da pantalla respectivamente, permitindo abrir no Escritorio aplicacións con interface moderna e, moi especialmente, renovando unha vez máis o botón de Inicio do Escritorio, que agora presenta unha aparencia moi semellante á que xa tiña en Windows 7, pero reservando parte do seu espazo para destacar aplicacións da interface moderna, medida co que parecen querer contentar a toda clase de usuarios de Windows. Dende Microsoft están a traballar para optimizar Office a pantallas táctilesAo comentar as bondades da actualización de Windows 8.1, tamén quixeron dar conta do estado actual das aplicacións que compoñen o Microsoft Office, que están a avanzar a moi bo ritmo para que nuns meses poidamos velas optimizadas para pantallas táctiles (actualmente só poden executarse no Escritorio, pese a existir versións para dispositivos móbiles noutras plataformas).
Presentación en vídeo da actualización de Windows 8.1
Chegan as aplicacións universais a Windows
De cara ao desenvolvemento de aplicacións as novidades tamén son moi importantes, pois o novo Visual Studio 2013 Update 2 Release Candidate comezará a sentar a bases da converxencia de sistemas operativos de Microsoft, permitindo a creación de aplicacións universais que poidan funcionar en smartphones, tablets e ordenadores, de xeito que os programadores poderán aproveitar aproximadamente o 90% do seu código para cadanseu contorno. Adicionalmente tamén anunciouse que no verán sacarán a segunda versión do sensor Kinect para Windows e comentouse que as aplicacións de Windows 8.1 tamén poderían trasladarse á consola Xbox One, deixando claro que Microsoft quere levar Windows ao meirande número de dispositivos posible (chegando a amosar no escenario un piano xigante que funcionaba co sistema operativo de Microsoft, como exemplo da chamada Internet das cousas, na que o importante non son realmente os obxectos, senón o feito de que estean conectados. Sobre as aplicacións universais, destacaron que como unha importante vantaxe terían o feito de que algunhas aplicacións poderían pagarse unha única vez para empregarse en varios dispositivos de distinto tipo á vez, o que resulta moi atractivo para os consumidores.
Prioridade para o móbil e a nube
Pechou a sesión o actual conselleiro delegado de Microsoft, Satya Nadella, quen asegurou botar en falta participar dun xeito máis activo neste tipo de eventos para desenvolvedores (o que dixo que era o prezo a pagar por ter ascendido na empresa) e aproveitou a ocasión para responder a unha serie de preguntas que recibiu de todo o mundo a través de Skype, deixando claro en todo momento que Microsoft está a apostar seriamente polos móbiles e polas tecnoloxías na nube, asegurando que atraerán a moitos desenvolvedores grazas a que están a recuperar o seu papel de motores da innovación.