Aínda que Android é un sistema operativo optimizado para smartphones e tablets, non son poucas as iniciativas que o levan ao televisor como reprodutor multimedia ou como consola de videoxogos, e fusionando ambos camiños Amazon presentou hoxe o seu Fire TV, un pequeno dispositivo que podemos conectar a un televisor en alta definición para poder acceder a numerosos servizos de vídeo en liña (Netflix, Amazon Instant Video, Hulu Plus, Showtime Anytime, Flixster, Vevo…), o que resulta especialmente atractivo para os subscritores de Amazon Prime (que poden acceder así a milleiros de películas e series de televisión de xeito ilimitado).
O Fire TV é un dispositivo bastante potente, cun procesador Qualcomm Krait 300 de catro núcleos a 1,7 GHz, 2 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno, Fast Ethernet, Wi-Fi N de dobre banda, Bluetooth 4.0, USB 2.0, saída HDMI de ata 1.080p a 60 cadros por segundo, unhas medidas de 115 x 115 x 17,5 milímetros e un peso de 281, que pode manexarse cun sinxelo mando Bluetooth que incluso integra micrófono con cancelación de ruído para facilitar que poidamos dar ordes faladas ao Fire TV.
Curioso vídeo promocional do Fire TV
Se queremos empregar este trebello como consola de videoxogos podemos adquirir o Amazon Fire Game Controller, un completo mando de xogo de 153,4 x 106,8 x 59,7 milímetros e 277 gramos de peso (con baterías incluídas) que integra dous mandos analóxicos, unha cruceta e unha chea de botóns, dispostos estes controis dun xeito moi semellante ao do mando da Xbox 360, polo que debería de ser moi doado afacerse ao seu manexo. Adicionalmente tamén inclúe tres botóns para o control multimedia (para que non teñamos que alternar constantemente entre o mando de xogo e o mando a distancia).

O prezo do Fire TV de Amazon é de 99 dólares (72 euros) e o seu mando para videoxogos custará 39,99 dólares (29 euros). Polo momento descoñécense os plans de Amazon para este produto fóra dos EE.UU.
Vídeo de adianto dos futuros traballos do estudio de videoxogos de Amazon

