A Coruña acollerá os vindeiros 29 e 30 de maio o evento Galicia Innovation, organizado pola aceleradora galega Zarpamos e máis Global Nova Trade e promovida pola Fundación Ronsel. Tal e como sinalamos os días pasados, trátase dunha iniciativa xurdida ao abeiro do Programa de Cooperación Internacional e dirixida a fomentar o enriquecemento conxunto entre emprendedores de diferentes países a través de obradoiros, relatorios e xornadas de networking. No caso concreto desta primeira edición, Galicia Innovation contará con notable presenza de emprendedores e investidores israelís. De feito, Israel será o país convidado. Asemade, tal e como nos recorda este xoves o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), contarase co apoio dos membros da entidade colexial.
Máis polo miúdo, o CPEIG participará na difusión do evento e os seus colexiados, ao abeiro destas colaboración, obterán un desconto do 20% na cota de inscrición no evento.
Como dixemos, a edición 2014 de Galicia Innovation, a primeira dunha serie que se prevé longa, contará cun nutrido grupo de convidados israelís, expertos todos eles en materia de innovación tecnolóxica e investimento. Concorrerán na xuntanza Noga Kap, especialista en investimentos de capital de risco e mentora en StartHub, Shira Abel, experto en mercadotecnia internacional para start-ups, Noam Wekser, especialista en innovación e desenvolvemento de equipos, Gil Shay, emprendedor en serie e mentor en StartHub, Eyal Benjamin, director de StartHub, Gil Canaani, experto en capital risco e capital privado, e Omer Pomerantz, especialista en Ideación, Java Mobile e solucións de Oracle.
En conxunto cos convidados israelís promoverase o intercambio entre ambos os modelos de coñecemento en materia de innovación e desenvolvemento, así como entre grupos de investigación, centros tecnolóxicos, universidades, startups e o tecido empresarial galego.
Durante a primeira xornada (29 de maio) exporase -mediante mesas de traballo, relatorios e xornadas de networking– como desenvolven no senso máis amplo, o seu traballo, un dos referentes mundiais en creación de Startups, cun modelo de Internacionalización e innovación de referencia mundial. Asemade, organizarase unha cea privada onde os asistentes poderán establecer liñas de colaboración cos relatores, inversores e convidados.
En canto á segunda xornada (30 de maio), os protagonistas serán os emprendedores, poderán expor proxectos (previamente escollidos) aos relatores e levar un valioso feedback do proxecto. Levarase a cabo un Demoday de inversión ante inversores nacionais, internacionais e os integrantes da Aceleradora Israelí Starthub.
Os enxeñeiros en Informática achegan o seu apoio a Galicia Innovation
Compartir Este Artigo
