Para facilitar a comunicación entre cidadáns e administracións locais cada vez temos máis ferramentas entres as que cada día toman máis relevancia as aplicacións móbiles como city4ogrove, que busca facilitar a xestión de incidencias e a comunicación entre a poboación do concello pontevedrés do Grove e o Goberno municipal.
A aplicación non só permite que os responsables locais reciban información directa da poboación, senón que tamén permite que os cidadáns poidan facer un seguimento constante da súa xestión para garantir a máxima axilidade na solución das necesidades detectadas.
A nova aplicación móbil desenvolvida pola empresa compostelá eLABORO, presentouse hoxe nunha rolda de prensa na que participaron o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Alexandre Aguín, e o director executivo de eLABORO, Jesús Velasco, que animaron aos veciños a utilizar esta nova ferramenta de interacción co Goberno local.
A aplicación city4ogrove está xa dispoñible para dispositivos Android a través de Google Play, agardándose que vaia ter tamén versión para iOS, e permitirá que os veciños poidan notificar a través dos seus móbiles calquera incidencia que afecte aos servizos e espazos municipais. A información remitirase ao responsable correspondente, que terá un coñecemento constante da incidencia ata a súa solución, o que tamén poderán facer os cidadáns (que recibirán unha mensaxes cando a incidencia se resolva).
O Grove non é o único concello galego que está a integrar a solución City4, senón que tamén están a implantala en Arzúa, A Estrada, Barreiros, Cuntis, Santa Comba, Xove, Cariño, Xinzo de Limia, Abadín e Cabana de Bergantiños, así como fóra de Galicia.
O Concello do Grove ábrese aos cidadáns a través do móbil
Compartir Este Artigo

