Estes días soubemos da posta en marcha dunha nova plataforma dedicada a dar acubillo e tecidos comunicativos propios aos emigrantes galegos, un colectivo que por desgraza (pois en boa medida emígrase á forza, por mor das malas condicións económicas e as precarias expectativas do lugar de orixe), non para de medrar. A nova web, que en certa maneira recolle a testemuña deixada por Fillos.org (unha comunidade pioneira e referencial para múltiples redes sociais que virían despois), chámase Global Galicia e vén da man de La Voz de Galicia, cousa que se reflicte entre outras cousas no amplo seguimento que está a facer da plataforma dende a súa web.
O portal achégase polo de agora en castelán, polo que unha vez máis aproveitamos para lembrar que este tipo de iniciativas serían aínda mellores, e máis coherentes, se tiveran unha versión en galego. Á espera de que La Voz inclúa a nosa lingua nesta proposta, dicir que se trata dunha web para dar acollida, se é posible, ao medio millón de galegas e galegos que viven no estranxeiro, unha comunidade suficientemente ampla como para situar unha rede social de seu entre as máis importantes do eido 2.0. Global Galicia pretende “servir de plataforma para dar voz a todos os emigrantes” e ser “un espazo onde compartir opinións, consellos, fotografías ou vídeos”.
Ten seccións de blogs (por así dicilo o motor desta nova proposta en liña), de actualidade, de estudantes e de emigrantes retornados. Ademais, a comunidade artéllase xeograficamente, con seccións especiais para os países onde residen a maior parte dos nosos galegos no exterior, e outras seccións de meirande amplitude onde a presenza de galegos é menos importante dende o punto cuantitativo. Lembrar tamén que hai un apartado dedicado a reflectir as opinións dun colectivo de longa experiencia en países afastados da súa terra: os deportistas.
En marcha a plataforma Global Galicia para dar acollida á nosa emigración
Compartir Este Artigo
