O centro público dos Dices de Rois está a impulsar unha innovadora actividade de promoción da nosa cultura. Trátase dun telexornal en directo, feito polos alumnos e o profesorado, para conmemorar a celebración das Letras Galegas. A iniciativa lévase a cabo hoxe mesmo ao mediodía dende a Cidade da Cultura de Santiago, onde se emite por streaming o telexornal a través da Rede, un espazo informativo dedicado ao autor homenaxeado este ano na festa do 17 de maio, o poeta de Guitiriz Xosé María Díaz Castro. Na emisión participan estudantes de Educación Secundaria coordinados polo profesor de Lingua Galega Luís Gómez Aldegunde.
A iniciativa abrangue entre outras cousas entrevistas previamente gravadas con persoeiros representantes da nosa cultura, como por exemplo o presidente da Real Academia Galega, Xosé Alonso Montero, ou a xornalista e académica Margarita Ledo. Tamén se achegan as declaracións do que probablemente sexa o principal coñecedor da vida e a obra do escritor recoñecido este ano, Alfonso Blanco. Inclúese a maiores unha entrevista en directo co poeta Luís González Tosar. O telexornal, de media hora de duración, fornécese a través da aula virtual do centro educativo a partir do mediodía. A alumna Alba Sorribas encargarase de presentar o espazo audiovisual. Este tamén poderase ver despois a través da canle de YouTube do centro.
O alumnado do centro dos Dices de Rois conmemora por streaming as Letras Galegas
Compartir Este Artigo
