Usuarios de varios países europeos están a recibir a partir de hoxe unha mensaxe de Facebook na que se lles avisa de que nun par de semanas as aplicacións de Facebook para iOS e Android perderán as súas funcións de mensaxería, que pasarán a depender da aplicación de Facebook Messenger, de xeito que, cando premamos o botón para a sección de mensaxes na aplicación matriz, abrirase automaticamente a aplicación de mensaxería.
Dende Facebook aseguran que non estamos ante unha proba, senón que é unha segregación definitiva de ambas aplicacións, coa excepción de móbiles básicos coa aplicación de Facebook precargada, de Windows Phone e de usuarios de tablet (lembremos que a aplicación de Facebook Messenger aínda non está optimizada para tablets), que continuarán a recibir as mensaxes dende a aplicación oficial de Facebook.
Queda agora por ver como recibirán os usuarios esta medida pois, se ben a aplicación de mensaxería é moi cómoda para chatear, o ter que empregar dúas aplicacións de Facebook no móbil pode resultar algo molesto ou confuso para moitos.
Facebook segregará as funcións de mensaxería das súas aplicacións para móbiles
Compartir Este Artigo

