Seguimos a falar da vulnerabilidade atopada no sistema que usa Google para as súas conexións seguras, o sistema OpenSSL. Esta eiva na protección do servizo, da que falamos os días pasados reflectindo que afectara a de empresas importantes da Rede e mesmo podía estar repercutindo nos servizos en liña de boa parte dos bancos españois, coñécese dende hai días co apelativo de Heartbleed, que pode ser traducido como corazón sangrante (o nome vén a conto porque atinxe a unha metodoloxía para o fluxo de datos na Rede que se chama Heartbeat). Pois ben, este mércores soubemos que o buscador Google puido coñecer dende hai máis tempo do que se supuña este problema de protección. Ou sexa, antes de que a enleada transcendera aos medios. Porén, non llo dixo ao Goberno dos Estados Unidos probablemente para non comprometer as infraestruturas federais de protección ante posibles ataques en liña.
Sen embargo, os críticos con Google sinalan a que esta manobra de suposta prudencia ben puido incrementar a cifra de ataques que se quixeron ter evitado. Como lembramos o outro día, foi un profesional da propia compañía Google quen deu a voz de alarma no seo da empresa acerca do devandito punto feble de OpenSSL, o pasado mes de marzo. O buscador semella que se puxo mans á obra e foi quen de blindar provisionalmente os seus principais servizos informáticos antes de que a nova dese o chimpo aos medios, a comezos de abril. Mentres tanto, o Goberno dos Estados Unidos, un dos principais implicados no asunto (por ter Google alí a súa raizame, ao igual que algunha das compañías máis afectadas, como Yahoo! sen ir máis lonxe), non soubo nada da cuestión no período comprendido entre marzo e comezos de abril. Así o fixo saber o pasado venres a propia Administración do país, engadindo que “se o Goberno federal tivese descuberto esta vulnerabilidade, sería revelada ao momento aos responsables de OpenSSL”. De feito, medios como National Journal sinalan que terlle enviado á Casa Branca informacións sobre o problema de seguridade tería sido o máis normal e o máis lóxico, xa que ter deixado Heartbleed en segredo durante días deixou desprotexidos os sistemas federais perante múltiples ataques en potencia. De feito, diversas axencias gobernamentais empregan OpenSSL nas súas comunicacións, polo que poderían estar enviando información aos espías sen ter coñecemento algún sobre a cuestión.
Google puido ter coñecemento de Heartbleed antes do que se supuña
Compartir Este Artigo
