A iniciativa galega EnergyLab vén de recibir un importante recoñecemento. Máis polo miúdo, na segunda edición dos Premios de Eficiencia Enerxética A3e-O Instalador, nos que obtivo o galardón ao mellor proxecto de divulgación co proxecto eHabilita: Aplicación dos principios de eficiencia enerxética na rehabilitación. O certame presentáronse 42 candidaturas, distribuídas en tres categorías. EnergyLab alzouse co primeiro premio na categoría C, Mellor contido ou acción divulgativa de eficiencia enerxética. Nesta modalidade distínguense os artigos publicados, vídeos, blogs, campañas publicitarias ou outras iniciativas que supuxeran unha importante promoción das novas metodoloxías ao servizo do sustentable en materia enerxética.
O centro tecnolóxico EnergyLab, con sede en CITEXVI (Universidade de Vigo), amosou a súa satisfacción polo recoñecemento, e máis tratándose duns galardóns que son “referente a nivel estatal no sector”. Os premios contaron co apoio e o aval do Instituto para a Diversificación e a Eficiencia Enerxética (IDAE) e o patrocinio de Gas Natural Fenosa.
Volvendo a eHabilita, dicir que o seu obxectivo foi o de contribuír á reconversión do sector da construción en Galicia promovendo a adaptación, valorización e canalización da súa oferta cara a unha aposta pola eficiencia e sustentabilidade enerxética nos procesos de construción e rehabilitación de inmóbeis. O proxecto, que se desenvolveu durante ano 2012, formaba parte da iniciativa Empregaverde da Fundación Biodiversidade cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE). Durante a duración do proxecto, informan fontes de EnergyLab, beneficiáronse das actividades gratuítas do proxecto máis de 2.000 destinatarios en toda Galicia. O conxunto de accións da iniciativa estruturouse en cursos presenciais e en liña, unha plataforma e-learning, un obradoiro, publicacións e o asesoramento en liña, ademais dunha campaña de sensibilización.
Como sinalamos no seu día en Código Cero, unha das ferramentas básicas de eHabilita foi sen lugar a dúbidas a súa páxina web, un espazo dixital de traballo e divulgación dende o que se teñen achegado todo tipo de accións formativas en liña. Como diciamos daquela, a súa razón de ser baseouse no seguinte: a necesidade de transformar un dos sectores que máis castigado se viu polo parón produtivo, vítima dun proceso de destrución de emprego que roldou, na nosa terra, o 28,6%.
No que atinxe á cerimonia de entrega de premios, dicir que tivo lugar dentro da Feira Genera (Madrid, 6-8 de maio). Os premios foron entregados polo director de Eficiencia Enerxética do IDAE, Pedro A. Prieto, o subdirector xeral de Planificación Enerxética e Seguimento do MINETUR, Víctor Valverde, o director xeral da Consellería de Industria, Enerxía e Minas da Comunidade de Madrid, Carlos López Jimeno, o presidente de A3e, Manuel Sayagués, e o director xeral da editorial O Instalador, Iñaki García Ocejo.
Lembrar que EnergyLab é unha fundación privada, sen arela de lucro, cuxa misión é identificar, desenvolver, promover e difundir tecnoloxías, procesos, produtos e hábitos de consumo que permitan a mellora da eficiencia e sustentabilidade enerxética na industria, a construción, o transporte e na sociedade en xeral. O centro galego introduce “tecnoloxías avanzadas no mercado a través dunha investigación e desenvolvemento de carácter aplicado”, informa.
O centro galego EnergyLab, premiado polo seu proxecto eHabilita
Compartir Este Artigo
