
O xurado do certame estivo formado por profesionais de empresas como Google, BQ, Dymotics, Tetuán Valley, Bricogeek e Biicode. Segundo engade esta última, a tarefa de elección dos vencedores foi moi enleada, dada a gran cantidade de proxectos de todo o mundo recibidos, “cunha calidade técnica e de execución excelentes”. Tras unha longa deliberación os integrantes do equipo Coconauts co seu proxecto Watchduino foron elixidos gañadores do primeiro premio composto por 1.000 euros, ademais de abranguer un Arduino Inventor Kit de BricoGeek, un enchufe Fibaro e un HUB de Dymotics. Watchduino, infórmase, é un reloxo de boneca intelixente baseado en Arduino e desenvolvido con Biicode. Entre os seus puntos fortes atópase o seguinte: é replicable de xeito doado mediante a reutilización de código que precisamente promove Biicode.
O segundo e terceiro lugar (respectivamente) foi para os equipos BeneFacietur e Pruli cos seus proxectos Blocporc e unha variante do lendario xogo Simón di. Ademais o equipo SpainLabs fíxose co premio especial ao mellor proxecto con impresión 3D grazas á súa estación meteorolóxica, que permite predicir, medir e rexistrar as variables atmosféricas.
O equipo gañador (os responsables de Watchduino) está formado por Mar Bartolomé e Javier Rengel, dous enxeñeiros informáticos españois que residen en Londres. Pola súa parte, Juan Aguarón é o único integrante do equipo Benefacietur, e é un estudante de segundo ano de Enxeñaría Electrónica en Zaragoza. Carlos Sánchez e Álvaro López, pola súa banda, son os responsables da devandita variante do xogo Simón di. Por último Juan Santos e Carlos Rodriguez resultaron os gañadores (a través de SpainLabs) do premio ao mellor proxecto de impresión 3D.
Xa hai gañadores no desafío de programación sobre Arduino e Raspberry Pi lanzado por Biicode
Compartir Este Artigo
