A compañía galega Oceans vén de presentar un novo produto dirixido a xuntar a meirande cantidade de servizos nunha única achega, facilitando o camiño dos usuarios cara as comunicacións de vangarda integrais. Trátase de Engloba, solución de converxencia que cingue nunha mesma factura a telefonía fixa e móbil e Internet, os tres servizos que “darán cobertura ás comunicacións das empresas no seu día a día”, sinalan os responsables de Oceans.
Segundo engaden, foron numerosas as ocasións que tiveron de constatar nas compañías galegas e estatais unha demanda que non para de medrar: a de estaren conectadas do mellor xeito posible e da maneira máis doada posible. “Trátase de algo máis que unha necesidade básica”, din, “é algo vital”. De aí precisamente, desta esixencia das empresas, xorde o produto Engloba, solución de converxencia orientada ao mundo empresarial. E engaden os responsables de Oceans: “Trátase dunha combinación beneficiosa por varios motivos, primeiro pola comodidade de dispor de tres produtos baixo a mesma factura e segundo polo aforro obtido coa unión dos tres fronte ao custo de cada un por separado”. Pero hai un terceiro motivo: pola propia natureza dos servizos de Oceans Englobal, como por exemplo “a posibilidade de chamar a teléfonos fixos internacionais indistintamente desde o fixo e desde o móbil”.
A achega vén en dous formatos. Por unha banda, Oceans presenta Engloba Básico, a opción máis económica “sen que por iso se renuncie a nada”. Consta dunha liña móbil con 100 minutos para chamar a teléfonos fixos e móbiles nacionais de calquera operador, incluídas chamadas internacionais a teléfonos fixos de 12 países, ofrece 1.000 minutos ou 500 chamadas entre os teléfonos móbiles propios da empresa e inclúe un bono de datos de 500 Mb sen límite para navegar á máxima velocidade”.
Por outra banda, achégase Engloba Completo, que incorpora unha conexión a Internet de ata 10 Mbps de baixada para navegar “á máxima velocidade”, e todo por 35 euros ao mes máis IVE e coa cota de liña analóxica sen custe adicional. “Engloba Completo”, explica Oceans, “vén satisfacer maiores necesidades comunicativas nas empresas e componse dunha liña móbil con chamadas ilimitadas a teléfonos fixos e móbiles nacionais, incluídas chamadas internacionais a teléfonos fixos de 12 países, incorporando un bono de datos de 1 Xb sen límite para navegar á máxima velocidade”.
Oceans facilita a comunicación das empresas cun innovador produto de converxencia
Compartir Este Artigo
