
Elogia, unha das empresas participantes no congreso CONECOM celebrado en Santiago, amosou diferentes metodoloxías para acadar a máxima efectividade nas estratexias de promoción empresarial e mercadotecnia dixital. Máis polo miúdo, a empresa de fortes vertentes galegas expuxo técnicas relacionadas co marketing non intrusivo, ou sexa, aquelas técnicas que non provocan rexeitamento inmediato no cliente potencial. Ou sexa, recursos que están moi relacionados coas novas correntes 2.0 de participación directa do internauta e que son diametralmente opostos aos clásicos banners que nos perseguen pola pantalla ou aos correos electrónicos de tipo empresarial que nunca damos aberto e que están xusto na liña fronteiriza que separa a información útil do spam propiamente dito.
O relator Nacho de Francisco (de Elogia) falou de técnicas de gamificación (que ben desenvolvidas xeran de maneira clara o interese das persoas), a afiliación ou o mCommerce (os nosos dispositivos móbiles como canle de promoción e de actividade empresarial). Segundo fixo saber, sen dúbida temos ante nós unha gran oportunidade de comercio electrónico a través dos tablets e os smartphones, unha vertente arestora moi ben aceptada polos consumidores potenciais e que se presenta como unha gran oportunidade para os nosos profesionais e empresas. Igualmente, falou da analítica web corporativa, un piar fundamental de traballo e unha panacea para calquera persoa que queira reforzar hoxe en día o seu coñecemento sobre mercadotecnia en liña (ferramentas concretas como Google Analytics).
Código Cero tamén tivo a oportunidade de asistir ao relatorio de Jesús Sánchez Lladó, director da Unidade de eCommerce de Correos, que comezou a súa intervención lembrando aos asistentes o gran cambio que estamos a experimentar en materia de comercio: o peso cada vez maior do comercio electrónico en relación ao comercio tradicional, que nun prazo de poucos anos será -aquel- a fórmula principal para tódolos compradores. Falou do exemplo de Kodak, unha empresa coa que todos e todas medramos e que todas e todos coñecemos, e que entre outras cousas foi quen de desenvolver innovacións tan decisivas como a cámara dixital, e que malia todo o feito pola compañía hoxe en día “xa non está connosco”. Ao seu xuízo, Kodak desapareceu en 2012 como un exemplo de que calquera fórmula empresarial de éxito non dura para sempre. Cómpre ter sempre presente a necesidade de innovar e adaptarnos aos cambios, e o comercio electrónico, dixo, é un destes cambios decisivos que varrerá da actividade empresarial a todo aquel que non sexa quen de asumilo e integralo.

Optimizar a relación co cliente e achegar seguridade despois da compra en liña, os grandes retos para os relatores de CONECOM
Compartir Este Artigo
