Alí onde hai riqueza material no solo, haberá conflito. E máis se esa riqueza do solo atópase en países en vieiros de desenvolvemento, con leis e regulamentos febles. Ou sexa, se os galegos case estivemos a piques de sufrir a impunidade das grandes mineiras que extraen ouro a base de contaminar ríos e chans con cianuro, que non acontecerá en África central con minerais como o coltán, empregado para a fabricación de telefonía móbil, portátiles e outros dispositivos electrónicos? Os problemas xerados polo interese de extraer canto máis e mellor non son novos e en Código Cero xa temos animado a reciclar máis para contrarrestar novas accións mineiras. Porén, non abonda. Amosar o miolo do conflito (que pode acabar cos hábitats dos grandes gorilas) é o obxectivo do video-forum que acolle este sábado o CEIDA (Castelo de Santa Cruz de Oleiros).
A xeira de divulgación, organizada tamén polo CEIDA coa colaboración do Instituto Jane Goodall e Java Films, contará coa presenza de Federico Bogdanowicz e Laia Dotras, expertos en primatoloxía do dito instituto con longa experiencia en África.
Segundo nos contan polo miúdo dende o CEIDA, o coltán foi ata hai ben pouco un material case descoñecido, pero nos últimos anos converteuse nunha especie de novo ouro negro no continente africano. Trátase dun mineral que se emprega moito na fabricación de aparellos TIC, e dáse a circunstancia de que a gran maioría dos xacementos atópanse na zona leste da República Democrática do Congo. Como era de agardar, a súa extracción está a provocar grandes problemas políticos, problemas sociais (traballo infantil, explotación da muller, etc.) e ambientais, afectando aos ecosistemas africanos e, de maneira importante, á extinción dos primates.
En boa medida e como adoita acontecer sempre, o mundo occidental é culpable e responsable desta situación, dende as grandes corporacións do sector que fan pouco ou nada por fixar unha extracción racional (asegurándose por exemplo de ter provedores de acreditadas boas prácticas) ata os usuarios de dispositivos, nós mesmos, que case nunca ou nunca nos preguntamos de onde veñen os materiais dos aparellos que usamos e a onde volven cando xa non os queremos (ás veces volven casualmente a África, agravando os seus xa graves problemas de contaminación e dertrución ambiental). No video-forum que prepara o CEIDA tratarase de dar unhas cantas claves para comezarmos, como consumidores e usuarios, a pechar fileiras arredor dunha extracción responsable do coltán e outras materias primas para a industria TIC.
Contarase como dixemos con responsables do Instituto Jane Goodall, que promove a Campaña de Reciclaxe de Móbiles Mobilízate pola Selva para protexer os ecosistemas africanos.
Durante o vídeo-forum, informan os organizadores, haberá un punto exclusivo para a recollida de móbiles usados, coa que se pretende contribuír a reducir a demanda dos seus compoñentes e os problemas ambientais que ocasionan, reutilizar elementos útiles, tratar adecuadamente os materiais tóxicos e recadar fondos para os programas de educación e conservación que o Instituto Jane Goodall ten en marcha no Congo.
O CEIDA sensibilizará aos usuarios TIC dos graves problemas derivados da extracción do coltán
Compartir Este Artigo
