
Jesús Asorey salientou ante os medios que con esta iniciativa quérese que as empresas e demandantes usen o portal para as súas necesidades, co obxecto de fomentar a “busca activa de emprego”. Asemade, preténdese que as persoas que se atopan arestora en situación de paro teñan máis opcións para atopar un posto no mercado laboral. Bartolomé Pidal, pola súa banda, sinalou que estamos perante “unha ferramenta de indiscutible avance para a busca de emprego”. O funcionamento do portal de emprego, fixo saber, é ben sinxelo. Para comezar, podemos localizar ofertas de emprego da comarca (nos 32 concellos da demarcación cameral) e presentar a candidatura de maneira “áxil e efectiva”. Só é preciso un requirimento básico para empresas e demandantes de emprego: complementar un formulario de inscrición específico. Segundo engadiu Pidal, estamos ante “unha ferramenta dinámica con dúas portas de entrada e saída de información, na que por unha banda o candidato que se rexistra como usuario introduce o seu currículo e inscríbese nas ofertas, e por outra banda a empresa que se dá de alta publica as súas ofertas, facendo selección de currículos ou procurando candidatos na base de datos”.
As ofertas son publicadas directamente polas empresas e teñen una antigüidade máxima de 60 días. Ademais, fixeron saber Asorey e Pidal, o portal ten outras utilidades, “como pór alarmas sobre as ofertas de traballo que lles interesan aos demandantes e das que recibirán noticia a través de móbil ou correo electrónico”.
A día de hoxe o portal de emprego dá acubillo a máis de 300 currículos. Á vista da comunidade en liña fican aqueles que teñen “un grao de privacidade media ou baixa”, mentres que os outros aspirantes só serán vistos nas candidaturas nas que participan. Trátase, máis polo miúdo, dun portal aberto en tódolos sensos, tanto á hora de dar acubillo a empresas e cidadáns como no que atinxe ás temáticas sobre as que traballa: todas as posibles. Deste xeito, hai candidatos de tódolos sectores. Ademais, está dirixido a estudantes, emprendedores, directivos, demandantes de emprego, universidades, centros educativos de Formación Profesional, empresas, consultores e institucións.
A Cámara de Comercio de Santiago presenta o seu Portal de Emprego
Compartir Este Artigo
