
Lembrar que as ditas entidades, xunto cos colexios profesionais autonómicos que as integran (CPEIG e CPETIG en Galicia), levan anos esixindo ás administracións actuacións inmediatas que contribúan a normalizar a situación laboral e profesional no ámbito da informática, tal e como acontece cunha boa parte das restantes enxeñarías. Recordan tamén, ao fío do devandito, que os Colexios de Enxeñeiros e Enxeñeiros Técnicos en Informática da Comunidade Valenciana, co apoio das Universidades, da Comunidade e dos Consellos Xerais, CCII e CONCITI, conseguiron en xullo de 2010 que na Lei de Función Pública se creasen dous corpos propios, o Corpo Superior de Enxeñeiros en Informática e o Corpo de Xestión de Enxeñaría Técnica en Informática, aos que unicamente se pode acceder cos títulos de Enxeñaría en Informática e Enxeñaría Técnica en Informática, respectivamente, ou as correspondentes titulacións do EEES que vinculen co exercicio das devanditas profesións.
Porén, malia todo o despregado por estender estes logros ás restantes administracións autonómicas, non se conseguiu aplicar semellantes regulamentos noutros recantos do Estado. Tampouco se dan avanzado grandes pasos, engaden os consellos xerais, alén das administracións públicas, xa que arestora “non existe ningún tipo de regulamento profesional no eido das Enxeñarías en Informática”. Así se explica, din, que non exista restrición algunha nas empresas á hora de contratar persoal para implantación, xestión, auditoría e certificación da calidade dos desenvolvementos, procesos, sistemas, servizos, aplicacións e produtos informáticos de aeroportos, hospitais, centrais nucleares, infraestruturas ferroviarias e de transporte e demais infraestruturas críticas. “Os sistemas informáticos”, apuntan os consellos xerais, “están presentes en todos os ámbitos das nosas vidas e afectan a aspectos tan transcendentais como a seguridade das persoas, a protección de datos persoais, a ciberseguridade ou a economía, polo que urxe unha aposta decidida por parte do Goberno para regular o exercicio profesional nestes escenarios”.
O caso Servizo Central de Informática do Tribunal de Contas é un exemplo desta falta de apoio. A xuízo dos consellos, trátase dun novo caso da “incongruencia á que se enfronta nosa profesión: invístese diñeiro público en formar ducias de miles de profesionais en todo o territorio nacional, e logo non se tira partido dese investimento ao non fomentar as contratacións dos profesionais máis cualificados”. E engaden: “O que acontece coa Enxeñaría Informática en España é un despropósito que se explica cando se traslada a outra profesión: é coma se tras formar a milleiros de cirurxiáns, non se esixise a titulación para cubrir novas prazas para realizar operacións”.
O CONCITI e o CCII piden medidas para que non se repitan irregularidades profesionais coma a do Tribunal de Contas
Compartir Este Artigo
